Viewnext prepara o seu traslado ao centro tecnolóxico Innova Ourense

venres, 25 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

As empresas punteiras comezan a pechar fileiras arredor do centro tecnolóxico e intelixente de Ourense, do que falamos este verán en Código Cero con motivo da súa presentación, salientando o seu obxectivo de “crear novas oportunidades no ámbito tecnolóxico, económico e social na provincia”. Segundo puidemos saber esta semana, a empresa Viewnext (filial de IBM) está a colaborar coa Deputación no vindeiro traslado do seu equipo humano e material ao centro tecnolóxico Innova Ourense Provincia Intelixente, que estará emprazado na Finca Sevilla do barrio de Mariñamansa.
Os detalles da nova localización de Viewnext Ourense, que implicaría o traslado de 200 traballadores da compañía, foron avaliados no pazo provincial polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, a directora tecnolóxica de IBM España, Elisa Martín Garijo, e Ángel Martínez Sotelo, director de Viewnext Ourense. Segundo fixo saber o titular do Goberno provincial, o traslado “suporá o punto de partida para este centro de innovación, cuxo obxectivo é converterse en referencia para o desenvolvemento de proxectos de base tecnolóxica e captar talento e investimentos achegando novos servizos para a Sociedade da Información”.
Na xuntanza tamén participaron Francisco Romero Gamarra, director de Transformación Dixital para as Cidades en IBM; Alberto Diz Castro, director Rexional de IBM Noroeste; Fernando Suárez, director de Área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, e José Sampayo, xefe do gabinete da Presidencia.
Ao abeiro da reunión falouse tamén da nova plataforma de turismo intelixente da provincia, Hai un Ourense para ti, dotada con tres millóns de euros e que ten como finalidade potenciar o turismo apoiándose nas posibilidades tecnolóxicas das TIC, como sinalamos hoxe mesmo en Código Cero avaliando os detalles da iniciativa (que foi presentada esta semana en FITUR). Un dos puntos que xerou máis interese na reunión entre a Deputación e IBM foron as posibilidades que se abren co Big Data, a análise da información a gran escala, que é, precisamente, un dos ingredientes básicos de Hai un Ourense para ti e un dos piares do actual traballo de IBM en investigación e desenvolvemento, tal e como se pon de manifesto co seu software Watson. Ao fío disto, Elixa Martín sinalou que “con este tipo de tecnoloxía, IBM está a abrir unha nova era na historia da computación, xa que permite que as computadoras comprendan o mundo da forma en que o fan os seres humanos: a través dos sentidos, a aprendizaxe e a experiencia”.
Manuel Baltar agradeceu “o compromiso de ámbalas dúas empresas tecnolóxicas con Ourense”, provincia que “pretende constituírse en pioneira en aplicar estas innovacións ao sector do turismo”.
A maiores de todo o devandito, no encontro tratáronse outras iniciativas do ámbito tecnolóxico e da innovación en servizos públicos, unha alianza de cooperación entre a Deputación de Ourense e IBM na que ámbalas dúas entidades analizarán retos de desenvolvemento no marco da Compra Pública de Innovación, outro dos eixes polos que aposta a entidade provincial galega.

PUBLICIDADE