Vigo acolle o día 12 a segunda xeira galega das xuntanzas Betabeers

xoves, 5 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

A segunda edición galega da xuntanza Betabeers xa ten data, emprazamento e contido. A data é este 12 de xullo, o xoves vindeiro, sendo Vigo a sede do novo acontecemento, logo do seu paso pola Coruña (a primeira xeira, da que informamos polo miúdo en Código Cero). Betabeers chegará tamén a Ourense (recente incorporación á listaxe) e Santiago de Compostela, compartindo obxectivos e estratexias: xuntar nun mesmo espazo a profesionais e emprendedores do eido TIC baixo un clima de colaboración e comunicación semellante ao que se conseguiría nunha reunión de feitura informal. A idea básica é tirar proveito do potencial dos entreactos e das roldas de preguntas dos congresos tradicionais, en ocasións máis frutíferos có miolo do congreso. Desta volta, os mestres de cerimonias serán as empresas Krasis, Shotools.com e Mobialia.
Nun plano máis concreto e segundo apunta Reinaldo Aguilera, organizador da edición galega do evento, as xeiras de Betabeers teñen por finalidade relacionar a persoas técnicas con espírito emprendedor, programadores frotend, backend, deseñadores e asesores a través da metodoloxía de networking e amosar as últimas tecnoloxías e innovacións en desenvolvemento a través de obradoiros de balde. Para esta segunda edición da xuntanza (que terá periodicidade mensual), José Manuel Alarcón, socio e director de Krasis, empresa galega especializada en aprendizaxe a distancia, dirixirá un obradoiro sobre instrumentalización e monotorización de saúde de aplicacións web. A maiores, como dixemos, presentaranse os proxectos Shotools.com (da man de Abel Recknold, trátase dun servizo en liña para organizarmos e programarmos estratexias en redes sociais de xeito sinxelo e dende un único lugar) e Mobialia (representado por Alberto Ruibal, que dará a coñecer a aplicación Slot Racing, un xogo de scalextric en 3D para Android, cousa que complementará cun percorrido pola súa experiencia persoal no desenvolvemento de xogos 3D).
Para Reinaldo Aguilera, a cita deste Vigo conta co mellor dos antecedentes posibles, logo “da boa receptividade da primeira edición de Betabeers na Coruña e o interese de persoas e empresas en formar parte desta iniciativa”. Ao seu xuízo, é vital hoxe en día “seguir xerando espazos que reúnan a desenvolvedores locais de novas tecnoloxías para o intercambio de ideas e fomentar asía a creación de grupos de emprendedores galegos”. A cita contará coa colaboración de Novacaixagalicia e Internet Conecta Intelixencia Social.