Vigo convértese na primeira cidade galega en dispoñer de fibra óptica ata o fogar

martes, 20 de xullo do 2010 Raquel Noya

A cidade de Vigo, semella ir á cabeza do noso país en innovación e novas tecnoloxías e así nolo ven de demostrar, primeiro coa instalación das primeiras electroliñeiras de Galicia, da que falamos aquí na nosa web, e agora máis recentemente, co despregamento da primeira fase da rede de última xeración FTTH (do inglés Fiber to the Home), que xa se iniciou hai algunhas semanas no polígono de Navia.
Alí despregáronse 7 Km de fibra que darán cobertura a máis de 2.200 vivendas as cales, no futuro, poderán dispor de velocidades de transmisión practicamente ilimitadas.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañado polo director territorial de Telefónica en Galicia, Ignacio Aller, visitou a central de Telefónica de O Castro na propia cidade, onde están ubicados os equipos que convirten a esta cidade na primeira de Galicia e unha das primeiras de España en dispor desta nova rede de última xeración máis coñecida como “fibra ata o fogar”.
Dende a compañía informan que no vindeiro outono, os novos clientes que estean en cobertura poderán contratar o paquete Movistar Futura 100/10Mb por uns 64,87 euros ao mes, prezo definitivo; no momento da contratación, este servizo estará promocionado coa cota de alta a cero euros e a un prezo de 43,87 euros nas seis primeiras cotas.
Asemade, nas primeiras datas e sempre sobre esta tecnoloxía, Movistar lanzará ao mercado un paquete con TV e a nova velocidade 100/10Mb, o Movistar Futura 100/10 Imagenio Familiar DVR, que poderá adquirirse a un prezo de 85,77 euros ó mes, cunha promoción durante os seis primeiros meses de 68,87 euros ao mes e cota de alta de balde.
Despois do polígono de Navia, continuarase despregando esta tecnoloxía, a considerada “máis avanzada do mundo”, noutras zonas da cidade, para chegar paseniñamente a toda Galicia.
A tecnoloxía empregada por Telefónica, supón, segundo aseguran, “un avance considerable respecto á HFC empregada por outros operadores”, posto que non emprega cobre en ningún tramo, permitindo, en consecuencia, “velocidades moi superiores ás que poden obterse sobre o conduto tradicional”.