Viñetas desde o Atlántico sorprende cun photocall 3D

mércores, 13 de agosto do 2025 Marcus Fernández

Esta semana a cidade da Coruña acolle unha nova edición do festival de banda deseñada Viñetas desde o Atlántico, que este ano incorpora unha nova figura á súa colección: a da pequena Mafalda do xenial Quino. O descubrimento desta nova figura realizouse no marco da mostra Quino na música, que pode visitarse na sala de exposicións de PALEXCO, e convida a repasar a traxectoria do creador de Mafalda a través da súa relación coa música (do tango ao rock, da música clásica ao pop).

O sistema de ScanMeNow facilita aos visitantes da exposición a posibilidade de ter unha fotografía 3D con Mafalda e Astro Rato

Temos así que Mafalda se converteu nun dos pratos fortes destas edición de Viñetas desde o Atlántico, ao que está a contribuír unha achega tecnolóxica da empresa coruñesa ScanMeNow, que xa se puido ver en primicia na pasada edición de Mundos Digitales. Falamos dun sistema fotográfico inmersivo composto por 120 cámaras situadas nunha estrutura esférica para rexistrar a persoas en 360 graos para unha dixitalización tridimensional realizada grazas a un procesamento mediante IA das imaxes captadas. Deste xeito, os visitantes da exposición que o desexen poden posar durante un intre para recibir horas despois un correo electrónico coa súa imaxe en 3D, podendo optar por retratarse virtualmente con personaxes como Mafalda e Astro Rato (personaxe de Fermín Solís editado en galego por El Patito Editorial).
O certame coruñés centrado na banda deseñada manterá o seu programa de actividades ata o vindeiro domingo, aínda que as exposicións no PALEXCO (sen o photocall 3D) continuarán abertas ata o 21 de setembro.

Vídeo da inauguración da exposición Quino na música