Vitae Consultores e Javier Garzás volven formarnos en axilidade avanzada

martes, 5 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Javier Garzás nunha entrevista recente para ITSMF

O pasado verán celebrouse na Coruña a primeira edición do Curso sobre Axilidade Avanzada, convocado por Vitae Consultores e impartido por Javier Garzás. A actividade formativa resultou ser un éxito, de participación e implicacións profesionais e empresarias, polo que nos chega agora a súa segunda edición, novamente na Coruña e, unha vez máis, con formato de obradoiro práctico de oito horas, un obradoiro intensivo e ilustrador sobre as vantaxes de converternos en expertos en modelos áxiles de traballo. A segunda edición do Curso Axilidade Avanzada tamén será impartida por Javier Garzás.
O obradoiro ten a súa orixe nunha das máis destacadas necesidades de boa parte dos profesionais actuais de calquera sector (aínda que nos sectores tecnolóxicos de desenvolvemento de proxectos cunha meirande incidencia): a necesidade de actualizar coñecemento e avanzar en formación. Isto é perfectamente aplicábel ao ámbito de traballo con metodoloxías de traballo áxiles (Scrum, XP, etc), unha contorna da que sempre poderemos extraer ideas de valor e que, por así dicilo, nunha se esgota. “Con este curso”, di Vitae, “poderemos obter algo único: todo tipo de claves e recursos (ideas, roteiros, camiños, materiais, guías) para evolucionar profesionalmente en axilidade”.
O obradoiro está dirixido a persoas con experiencia previa en axilidade e Scrum, aínda que non sexa unha base de gran amplitude. Tamén está concibido para aqueles profesionais que xa asistiran a cursos de introdución sobre as devanditas metodoloxías de traballo, sen que sexan requiridos coñecementos técnicos avanzados sobre as materias. O temario inclúe (entre outros) os seguintes contidos: xestión do cambio áxil (o que ten funcionado e o que non), técnicas de gamificación na implantación áxil, como planificar a medio prazo (portfolio e mapas de estrada) sen deixar de sermos áxiles, estimación áxil avanzada, maneiras de traballar que non son áxiles, a importancia das retrospectivas ou unha explicación básica e potencial sobre eXtreme Programming.
A persoa encargada de impartir os contidos é Javier Garzás, doutor cum laude e enxeñeiro superior en Informática. Con estudos post-doutorais e investigador convidado na Universidade Carnegie Mellon dos Estados Unidos (onde desenvolveu tarefas de investigación en metodoloxías áxiles), é experto en equipos profesionais e en recursos innovadores para a materialización de proxectos avanzados. Até o de agora ten axudado a máis de 80 empresas a mellorar os seus procesos de xestión e traballo. A día de hoxe é profesor titular na Universidade Rei Juan Carlos. Adícase a axudar a empresas que fagan mellor software (en tempo, con produtividade, con calidade e con felicidade). É autor do blog www.javiergarzas.com, que conta cunha media de 2.500 visitas diarias.

PUBLICIDADE