Vitae bríndanos unha nova edición do curso de proxectos con metodoloxía PMI 6

martes, 3 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

A fórmula do éxito en materia de proxectos tecnolóxicos non difire moito das metodoloxías a seguir en calquera ámbito previo profesional, empresarial, colectivo ou persoal. Son precisas unhas boas bases, un equipo profesional motivado e coordinado e, tamén, unhas boas doses de sinxeleza e claridade nos procesos a seguir. A isto cómpre engadir un extra de eficiencia e eficacia, de boa comunicación entre as persoas implicadas (no equipo mesmo e entre o equipo e o cliente) e xa temos os mellores alicerces para continuar. Xeitos de garantir este punto de partido hai moitos, pero hai algúns específicos dos proxectos tecnolóxicos e innovadores de probada valía. Como por exemplo os que achega ás empresas e profesionais a consultora Vitae a través do seu Curso de Dirección e Xestión de Proxectos baixo a Metodoloxía PMI 6, que chega neste vindeiro outono á súa edición 17.
A actividade formativa será en Vigo (Centro Social Afundación na rúa Policarpo Sanz, 24-26) os días 27 e 28 de setembro e máis os días 4, 5, 11, 18 e 19 de outubro. O curso é válido para o exame de Certificación PMP do PMI. Serán 35 horas de sesións de adestramento teórico pero sobre todo práctico.
Segundo informa Vitae sobre os porqués deste curso e a súa finalidade, esta baséase na necesidade de combater con pautas claras e doadas de aplicar unha das grandes eivas do noso tempo en materia laboral: a gran complexidade que adquire calquera proxecto que acometamos no ámbito das novas tecnoloxías e a innovación en xeral.
A respecto do devandito, a consultora lémbranos as condicións desfavorábeis veñen por factores externos (crise económica, conflitos sociais, cambios políticos, normas e regulamentos cada vez máis restritivos) e tamén por condicionantes internos, por exemplo unha meirande presión para o cumprimento de obxectivos, a procura constante dunha meirande eficiencia (obter máis con menos elementos en xogo), a limitación de recursos ou procura a tempo completo de novos mercados e áreas de negocio.
Tendo en conta todo o que se acaba de sinalar, explica Vitae, “os proxectos non só se volven máis difíciles de levar a cabo, senón tamén máis incertos; sendo a incerteza un factor que pode impactar de maneira moi negativa na consecución do éxito dunha iniciativa empresarial, xa sexa introducindo adiamentos, sobrecustes ou corrupción do alcance”, o que nos obriga a ter en conta, ademais, “a desmotivación dos membros da organización, a insatisfacción por parte dos clientes así como o deterioro da imaxe externa da organización”.
Sexa como sexa, as boas prácticas recoñecidas internacional para a dirección de proxectos, axudan e moito. Por exemplo achegando un meirande nivel de certidume, ao fornecer aos profesionais que desempeñan o rol de directores de proxecto dunha visión máis ampla sobre as iniciativas nas que traballan, precisa para entender como se interrelacionan co resto da organización e axudar na consecución dos obxectivos estratéxicos. Neste senso, Vitae engade que “a certificación PMP acredita a persoas e xera impactos directos de valor nas organizacións”, xa que a dirección eficaz e eficiente de proxectos debe considerase como unha competencia estratéxica das empresas, xa que lles permite competir de maneira máis rendíbel e áxil nos seus mercados, sustentar á organización e responder ás consecuencias dos cambios na contorna de negocio, “axudando a cumprir os obxectos dos proxectos, a ser máis predicíbeis, a optimizar o emprego de recursos da organización e, en xeral, a actuar de maneira proactiva e non reactiva”.
Para quen non o saiba, a PMI (Project Management Institute) é a organización máis recoñecida a nivel internacional na disciplina da dirección de proxectos. Está integrada por máis de 600.000 profesionais de todo o mundo, expertos na xestión de iniciativas, con independencia do tamaño e complexidade das mesmas, en múltiples sectores industriais. Vitae recorda que “as boas prácticas aplicadas e postas en marcha polo PMI son coñecidas, recoñecidas e avaladas por milleiros de profesionais ao longo dunha chea de anos en miles de traballos de todos os ámbitos”.
En termos máis concretos, o PMI acredita aos profesionais na dirección de proxectos co certificado PMP (Project Management Professional), o cal goza dun alto recoñecemento, identificando a quen o posúe como profesional altamente cualificado e demandando, na medida en que aporta un coñecemento moi detallado para a dirección de iniciativas, anticipando problemas, xestionando proactivamente a incertidume e aumentado as probabilidades de éxito nos proxectos.
A persoa encargada de impartir os contidos será Isaac Olalla Del Real, licenciado en Dereito (Universidade Complutense de Madrid) amais de ser un profesional certificado co PMP e co PMI-RMP por parte do Project Management Institute. Trátase dun experto en xestión de iniciativas innovadoras, con máis de 15 anos de experiencia neste ámbito e preto dunha década como formador, impartindo cursos de xestión baseada na metodoloxía PMI. Polas súas actividades de adestramento xa pasaron máis de dous milleiros de persoas, formándose en xestión dunha PMO, en xestión de riscos e en xestión avanzada de proxectos. Ten traballado para Telefónica, Vodafone, Deloitte, IECISA, BT, a DXT, Bankinter, FedEx, o Ministerio de Industria, Votorantim, OHL ou a Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE