Vitae ensínanos como dar forma a un bot con tecnoloxías Machine Learning

luns, 4 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

As tecnoloxías Machine Learning, os sistemas e recursos que fan que as máquinas teñan capacidade de xestionar e tomar decisións en base a grandes cantidades de información procesada, están aquí para quedar. Mesmo na nosa empresa, compartindo con nós espazo de traballo. As súas posibilidades son innumerables: son aplicables a todo tipo de sectores e permiten cousas como a análise de vídeos en tempo real para extraer información útil, a identificación de obxectos en imaxes ou o procesado de series temporais para coñecer as posibilidades de que unha máquina falle en datas vindeiras. En base a isto e co obxectivo de acelerar a presenza destas tecnoloxías no noso día a día, a consultora galega Vitae está a organizar o curso Data Science: O meu primeiro Bot con Machine Learning (formato PDF).
O obradoiro, de 20 horas, está dirixido a desenvolvedores coa finalidade de ensinarlles a crear aplicación intelixentes que tiren proveito do Machine Learning para interactuar cos usuarios de “maneiras inimaxinables ata o de agora”, sinala Vitae. Para a consultora, é hora de extraermos partido desta nova xeración de aplicacións, que está a levar a intelixencia ao software, “permitindo aos usuarios interactuar no día a día a través dos novos métodos de comunicación”.
O curso en cuestión celébrase no Hotel Attica 21 da Coruña os días 6, 7, 13 e 14 de outubro. O seu roteiro concreto inclúe os seguintes retos: esquematizar un bot e definir o seu comportamento, desenvolver aplicacións que interactúen con servizos de Machine Learning e desenvolver aplicacións smart en tempo real para escenarios de Internet das Cousas (IoT) ou información a gran escala (Big Data). Aprenderánsenos cousas como as orixes dos bots e as súas finalidades principais, as arquitecturas dunha solución integrada ou os xeitos de crear un bot con .NET ou con Azure Bot Service.
Os requirimentos para participarmos no curso son os seguintes: termos coñecementos no desenvolvemento con Visual Studio e bases de datos relacionais SQL.
A persoa encargada de impartir estes contidos será Antonio Soto Rodríguez, profesional con máis de dúas décadas de experiencia como consultor técnico experto e certificado, achegando formación na Universidade Microsoft e a empresas e organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen, CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de Galicia ou Abertis.