Vitae móstranos as múltiples vantaxes empresariais de Microsoft 365

mércores, 8 de marzo do 2023 S. P.

A consultora Vitae vai organizar en formato de aula virtual unha actividade formativa moi indicada para as empresas que estean transformando e optimizando a xestión da información, co obxectivo de que gañe en axilidade, eficiencia, operatividade, eficacia e rendibilidade. O curso Implementación e Administración de Microsoft 365 na empresa vaise celebrar este mes de marzo, os días 20, 22, 23, 27, 29 e 30. Vén con 18 horas de formación, impartidas por David Bodero.
Segundo explican fontes de Vitae sobre o miolo temático do curso, Microsoft 365 é unha solución de produtividade e colaboración na nube que ofrece unha ampla gama de ferramentas e servizos de gran valor tanto para as pequenas empresas como para grandes organizacións.
Estas ferramentas e servizos “permiten entre outras cousas colaborar e traballar de maneira máis eficiente, xestionar o correo electrónico e a axenda de xeito profesional e protexer datos e máis arquivos, facéndoos dispoñíbeis dende calquera dispositivo conectado”.
Ao longo do curso presentaranse os principais servizos de Microsoft 365 e as súas posíbeis aplicacións, así como os aspectos máis importantes para a súa correcta posta en marcha e configuración, mediante exposicións sinxelas, casos prácticos e obradoiros individuais e en grupo. O participante poderá deste xeito “afianzar todos os coñecementos presentados, avaliar posíbeis usos para a súa organización e coñecer boas prácticas para o soporte e a resolución de problemas”.
Vitae recorda tamén que entre as principais vantaxes de Microsoft 365 atópanse as seguintes (entre outras moitas):
-Acceso en calquera lugar. Con 365 podemos acceder aos nosos arquivos e ferramentas dende calquera lugar cunha conexión a Internet. Isto permite traballar dende todo tipo de dispositivos, o que dá máis flexibilidade e posibilítanos ser máis produtivos.
-Colaboración en tempo real. Microsoft 365 inclúe ferramentas como Microsoft Teams e OneDrive, que nos permiten colaborar en tempo real cos nosos colegas e clientes. Podemos compartir documentos e traballar neles de xeito simultáneo, o que acelera o proceso de traballo e mellora a eficiencia.
-Seguridade e protección de datos. Microsoft 365 ofrece unha ampla gama de medidas de seguridade protección de datos para protexer os nosos arquivos e a nosa información empresarial. Isto inclúe cifrado de datos, autenticado de dous factores e monitoraxe de ameazas en tempo real.
-Integración de ferramentas. Microsoft 365 permítenos integrar as nosas aplicacións e ferramentas coa súa plataforma, o que fai posíbel traballar de maneira máis eficiente e sen interrupcións.
O formador encargado de impartir estes contidos será David Bodero, consultor en tecnoloxía e desenvolvedor informático, con sete anos en postos de responsabilidade como xestor empresarial. Ten experiencia internacional de tres anos e de cinco na supervisión e dirección de equipos multiculturais de até 30 persoas. É un adestrador experimentado en contornas presenciais e telepresenciais, conta con máis de 1.500 horas impartidas, sobre todo en cursos relacionados con ferramentas de produtividade (Microsoft Office), sistemas e programación. Entre as empresas que formou ou asesorou atópanse ASIME, La Voz de Galicia, PSA Citroen, Plexus, Softek, Vector ou CLUN.

PUBLICIDADE