Vitae móstranos como afrontar o estrés profesional con metodoloxías innovadoras
mércores, 25 de setembro do 2019
Hai
metodoloxías de traballo que non só axudan a que sexamos máis
rendíbeis, senón que tamén afectan (directa e positivamente) á
nosa estima persoal, á nosa felicidade e á nosa capacidade para
mellorar a contorna que nos rodea (empresarial e persoal). Vitae, a
consultora tecnolóxica galega, basea boa parte da súa actividade
formativa no devandito concepto, neste beneficio mutuo das dúas
esferas nas que se moven os profesionais. Por exemplo o Curso
Afrontando o Estrés e Amplificando a Motivación na Empresa. Achegas
dende a Teoría do Marco Relacional e a Teoría da Aceptación e
Compromiso.
A
cita formativa, que contará coa presenza da doutora Carmen Luciano,
experta de renome internacional en psicoloxía moderna,
desenvolverase o 18 de outubro na Coruña e incluirá oito horas de
actividade.
O
curso, en palabras de Vitae, estará adicado a “afrontar dous
problemas frecuentes no ámbito laboral e empresarial: o estrés
derivado do traballo e a motivación como factores que repercuten
especialmente na vertente profesional das e dos traballadores e nas
diferentes facetas que integran a súa identidade persoal”.
Na
actividade profesional que prepara a consultora para o día 18,
fornecerase aos asistentes dunha serie de habilidades para abordar os
problemas que conducen a sentir ansiedade, estrés laboral e
desmotivación, poñendo o foco no centro do contexto laboral e
empresarial. “A condición humana nútrese da linguaxe e móstranos
os seus múltiples beneficios de supervivencia e de maneira
inevitábel tamén nos mostra o seu lado escuro”, lembra Vitae,
engadindo que o curso abrolla directamente das investigacións
científicas realizadas nas últimas décadas, que “abriron un
espectacular horizonte de enriquecemento para múltiples eidos
aplicados, dende a vertente máis clínica, a Teoría da Aceptación
e o Compromiso, a outros ámbitos nos que a conduta humana convértese
no medio ou no foco esencial. Por exemplo nos ámbitos laboral e
empresarial, o educativo, o da saúde, etcétera.
O
curso está dirixido a calquera profesional que desexe mellorar a súa
calidade de vida, tanto no ámbito persoal como laboral. Celebrarase
na Coruña, no Hotel Attica 21, o 18 de outubro, en horario de 9.30 a
13.30 horas e de 15.00 a 19.00 horas.
A
persoa encargada de impartir os contidos será Carmen Luciano,
referente internacional na investigación, no desenvolvemento e no
espallamento da psicoloxía contextual (terapias contextuais e o seu
tronco básico, a análise funcional e a Teoría do Marco
Relacional). Iniciou o seu traballo e docencia académica en 1979 na
Universidade de Granada. Dende 1995 é catedrática de Psicoloxía na
Universidade de Almería. Doutorouse en Psicoloxía pola Universidade
Complutense de Madrid en 1983. Foi investigadora na Boston University
e no Cambridge Center for Behavioaral Studies (Cambridge, EE UU),
onde o seu traballo foi seguido de preto por B. F. Skinner. Dende
aquela, o seu traballo supuxo un vieiro de colaboración con
investigadores en diferentes países, sendo parte do desenvolvemento
da análise funcional e da teoría relacional da linguaxe.