Vivo chega a España

mércores, 21 de outubro do 2020 Marcus Fernández

O fabricante chinés Vivo desembarca oficialmente en Francia, Alemaña, Italia, Polonia, Reino Unido e España, e aínda que achega smartphones económicos como o Y70, o Y20s e o Y11s, trae como bandeira o novo Vivo X51 5G, que vén a ser basicamente a versión europea do Vivo X50 Pro, móbil que destaca principalmente pola súa cámara de 48 Mpíxeles estabilizada por unha estrutura de gimbal, de xeito que pode ser unha boa opción para os usuarios que gusten da gravación de vídeos de acción.
O Vivo X51 5G é un smartphone delgado (8,04 milímetros de grosor) e lixeiro (181,5 gramos) para unha pantalla AMOLED de 6,56 polgadas cunha velocidade de refresco de 90 Hz que alberga unha cámara frontal de 32 Mpíxeles nunha perforación e un lector de impresións dixitais baixo o panel.
O punto forte do móbil é a cámara traseira cun sensor principal estabilizado (mediante 5 eixes) de 48 Mpíxeles con apertura f/1.6, acompañado por un obxectivo para retratos de 13 Mpíxeles, un super grande angular/macro de 8 Mpíxeles e un teleobxectivo con zoom óptico de 5x de 8 Mpíxeles con estabilización óptica (e un hyper zoom de 60x). Temos así unha cámara moi versátil, que pode adaptarse a numerosos escenarios e coida especialmente a fotografía nocturna, contando incluso con modo para gravar as estrelas.
A versión que temos en Europa chega cun procesador Qualcomm Snapdragon 765G, 8 GB de RAM, 256 GB de almacenamento interno e batería de 4.315 mAh con carga rápida de 33 watts, o que parecería bastante razoable para os menos de 600 euros que custaría en China, pero que ao chegar oficialmente a Europa convértense en 799 euros, cantidade bastante elevada para un smartphone que non integra un procesador tope de gama (en contraste co Vivo X50 Pro+, que si incorpora un procesador Qualcomm Snapdragon 865).

PUBLICIDADE