Vodafone España acadou no seu primeiro semestre 2.117 millóns de euros de facturación
xoves, 13 de novembro do 2014
Vodafone España deu a
coñecer esta semana os
resultados financeiros do primeiro semestre do ano fiscal, que para a
dita empresa abrangue do 1 de abril ao 30 de setembro. A súa
facturación, cos ingresos de Ono incluídos dende xullo, foi de
2.117 millóns de euros. Os ingresos por servizo acadaron os 1.988
millóns de euros, un 12,4% menos en termos orgánicos que o mesmo
período do ano anterior. Porén, a compañía salienta “unha
mellora significativa no segundo trimestre do ano”, de menos 9,3%
fronte ao -15,3 do primeiro trimestre. Segundo apunta a operadora,
esta melloría ten a súa raizame na aceleración do negocio fixo
pero tamén nunha menor caída dos ingresos por servizo de telefonía
móbil.
Polo que atinxe aos
ingresos por negocio fixo aumentaron de forma orgánica un 10,1% no
primeiro semestre, cun maior crecemento no segundo trimestre, 12,9%,
ca no primeiro, de7,3%. Os ingresos por servizo de telefonía móbil
descenderon no semestre, en termos orgánicos, un 14,8%, pero a un
menor ritmo no segundo, -11,7%, que no primeiro,-17,6%.
Polo que respecta ás
novidades achegadas pola adquisición de Ono, Vodafone sinala que
trala compra (formalizada o 23 de xullo) da firma española, esta
achegou 251 millóns de euros aos ingresos por servizo de Vodafone en
España e contribuíu con 108 millóns de euros ao seu EBITDA. Así,
a carteira de clientes conxunta de telefonía móbil de Ono e
Vodafone España medrou en 89.500 no último trimestre e alcanzou a
30 de setembro os 14,8 millóns.
A base de clientes de
telefonía móbil de Vodafone, informa a operadora, “creceu o
último trimestre por primeira vez en tres anos”. Ao fío disto, a
empresa salienta o medre experimentado no segmento de contrato, un
total de 14.100 no trimestre. Pola súa banda, a carteira de clientes
de telefonía móbil de Ono incrementouse 87.500. O crecemento da
base de clientes de contrato de Vodafone, excluíndo Ono, débese en
palabras da operadora de raizame británica “á forte actividade
comercial do último verán e a unha redución significativa da taxa
de desconexión que diminuíu en 1,9 puntos porcentuais entre os
usuarios particulares no último trimestre fronte ao mesmo período
do ano anterior, ata quedar no 19,2%; e en 2,5 puntos porcentuais
entre os clientes empresariais, ata o 16,9%”.
Polo que atinxe á cifra
de usuarios de banda larga fixa, alcanzou os 2.700.000. Deles,
1.525.000 son de fibra e preto de 800.000 gozaban de velocidades
iguais ou superiores aos 50 Mbps.
