Vodafone amplía a rede 5G ao 65% da poboación e 2.000 municipios (138 en Galicia)

venres, 17 de marzo do 2023 S. P.

Vodafone anunciou que vai ampliar a rede 5G ao 65% da poboación, alcanzando un total de 2.000 municipios durante este ano. Para estes novos traballos a operadora seguirá empregando a frecuencia de 700MHz que, segundo indican fontes da empresa, “proporciona mellor cobertura especialmente en interiores de edificios e conta con gran dispoñibilidade de largura de banda e de transmisión de datos, o que supón unha enorme vantaxe en contornas rurais e pequenas localidades”. Así mesmo, continúa ampliando a súa cobertura 5G tamén coa frecuencia de 3700MHz.
Dos 1.000 novos municipios que a operadora prevé despregar con 5G este ano, 238 son municipios de menos de 1.000 habitantes, principalmente en zonas rurais.
No que respecta a Galicia, 138 municipios dispoñerán de 5G grazas a estas novas despregaduras de Vodafone. Entre eles, destacan os de menos de 40.000 habitantes como Vilagarcía de Arousa, Arteixo ou Ribeira, chegando mesmo a aqueles que non pasan os 5.000 como Mondariz, Fisterra ou Guitiriz.
Julia Velasco, directora de Rede de Vodafone España comentou: “Co propósito de continuar facilitando a inclusión dixital de empresas, cidadáns e administracións, a rede 5G de Vodafone alcanzará ao 65% da poboación total no noso país e 2.000 municipios situados en grandes e pequenas cidades, así como zonas rurais. O noso obxectivo é reducir a fenda dixital e proporcionar conectividade a todos, incluíndo aqueles que máis o necesitan.”
Así mesmo, engadiu: “Esta demostrado que un incremento da dixitalización dos servizos e da cadea de valor en España durante seis anos podería aumentar o PIB de España nun 4,38%, así como a produtividade nun 7,70%. A conectividade xera oportunidades e facilita que ninguén quede atrás”.

PUBLICIDADE