Vodafone arrinca o despregue precomercial de 5G nas principais cidades estatais

venres, 27 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

Trala adxudicación das novas frecuencias por parte de Vodafone, de cuxas máis recentes novidades demos conta onte en Código Cero, a división española da operadora anunciou hoxe o comezo do despregue precomercial dos primeiros nodos da súa rede 5G NSA en zonas céntricas de Madrid, Barcelona, Sevilla, Málaga, Bilbao e Valencia. En termos concretos, o fornecemento de tecnoloxía materializouse en máis de 30 antenas 5G. O despregue foi levado a cabo en colaboración con Huawei e concentrouse en zonas céntricas das ditas urbes, parques tecnolóxicos e campus (nunha primeira fase piloto). Os traballos realizáronse empregando a banda de 3,7Ghz.
Segundo lembra a operadora, a tecnoloxía de quinta xeración permite cousas como a descarga de datos desde a Rede con velocidades de até 2,2 Gbps, así como aumentar a capacidade daquela. Ademais, con 5G redúcese a latencia acadándose velocidades de resposta inferiores a 5 milisegundos. Por outra banda, a nova tecnoloxía tamén achega importantes vantaxes na capacidade de procesado, permitindo relevantes aforros de enerxía (do 90% con respecto á 4G) e alongando a duración das baterías até a década de vida útil ou máis, amais de sentar os alicerces definitivos para o afianzamento real e efectivo da Internet das Cousas (IoT).
Ao fío das devanditas novidades, Vodafone mostrou hoxe, por primeira vez e nunha contorna de rede real 5G NSA, as posibilidades da nova tecnoloxía en aplicacións de realidade virtual, mellorando a experiencia grazas á menor latencia e á maior velocidade de descarga. “Os cidadáns”, explica a operadora, “poderán probar as novas velocidades de 5G grazas a varios routers Wi-Fi que estarán dispoñíbeis en distintos puntos de Madrid, Barcelona, Sevilla, Málaga, Bilbao e Valencia durante os vindeiros meses”.
En termos concretos e no plano das posibilidades concretas que se abren, a rede 5G de Vodafone posibilitará novos servizos multimedia e aplicacións que requiren conexións ultrarrápidas. Tamén facilitará o desenvolvemento das Cidades Intelixentes e novos servizos empresariais e de administracións públicas en áreas como o motor ou a saúde.

PUBLICIDADE