Vodafone centra a súa presenza no MWC nas posibilidades da 5G

luns, 27 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

Vodafone ten unha forte presenza nesta edición do Mobile World Congress de Barcelona, cun espazo no que convida aos visitantes a entrar no seu metaverso e voar en tempo real un dron intelixente situado en Sevilla, a 830 quilómetros de distancia, conectado a través da súa rede 5G.
Grazas á baixa latencia e a velocidade que ofrece a rede 5G da operadora, os asistentes poden pilotar o dron real de xeito remoto desde Vodafone 5G Reality, o metaverso de Vodafone desenvolto no Vodafone 5G Lab, dirixíndoo co dispositivo de realidade virtual Meta Quest Pro.
Controlar un dron no metaverso é unha das novas API de rede que está a desenvolver Vodafone na súa plataforma NaaP (Network as a Platform). Estas API de rede son un conxunto de regras baseadas en estándares abertos de toda a industria que permiten aos desenvolvedores acceder e utilizar as capacidades melloradas que achega a rede 5G paneuropea de Vodafone (que cobre case 350 pequenas e grandes cidades) a través dunha interface de usuario simple e segura.

Colaboración con Ericsson

Durante o congreso de telefonía móbil Vodafone e Ericsson tamén presentan unha experiencia gaming de realidade aumentada na que os xogadores se enfrontan entre si a través dunha rede 5G establecida entre Madrid e Barcelona. ata o 2 de marzo, ambas as compañías amosarán as capacidades da rede 5G que os asistentes do evento tecnolóxico poderán gozar a través do videoxogo HADO.
Desde o expositor de Ericsson no Hall 2 do MWC Barcelona, e o Vodafone 5G Lab, na sede central da operadora en Madrid, os participantes poñerán a proba as súas habilidades neste deporte de realidade aumentada grazas á rede 5G de alto rendemento creada de forma conxunta para esta demostración por Vodafone e Ericsson.