Vodafone estrea tarifa plana de vídeo móbil por 8 euros/mes

luns, 2 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Momento da presentación das novas modalidades de Vodafone Pass

Aínda que no fogar estamos afeitos a consumir contidos da Internet sen limitacións, cando empregamos conexións móbiles, pese a ter cada vez un maior límite de datos dispoñibles, temos que medir o consumo, especialmente para a reprodución de contidos en streaming, o que no verán levou a Vodafone a lanzar Vodafone Pass.
Vodafone Pass contaba até o momento con dúas modalidades: Social Pass, que por 3 euros/mes facilita o uso sen limitacións de Facebook, Twitter, Instagram e outras plataformas sociais, e Music Pass, que por 5 euros/mes facía o propio con Apple Music, Spotify, Napster, SoundCloud e Deezer. E agora o operador achegará unha nova modalidade moi esperada, Video Pass, que por 8 euros/mes permitirá gozar do streaming de vídeo das aplicacións máis populares (con calidade limitada) sen descontar datos da nosa tarifa. O servizo conta cun límite de 5 Gb en itinerancia.
Deste xeito, os clientes de Vodafone que paguen 8 euros/mes poderán gozar de YouTube, HBO, Netflix, Vimeo, Rakuten TV, Twitch, Vodafone TV Online, YouTube Kids, Vevo e Daily Motion sen límite de tráfico, aínda que bloqueando a resolución máxima a 720p, mentres que os usuarios que non se conformen con tal resolución poderán pagar 17 euros/mes para así poder gozar de contidos en Full HD. Unha solución que resultará de grande utilidade especialmente durante os períodos nos que se estea afastado do fogar (por exemplo, de viaxe ou vacacións) para así poder manter os hábitos de consumo audiovisual sen ter que facer un grande desembolso económico.
Adicionalmente tamén se estrea Maps Pass, que por 3 euros/mes ofrece acceso sen límite a Google Maps, Google Earth, HERE, Tomtom, iCoyote e Waze.

PUBLICIDADE