Vodafone facilitará o acceso aos contidos de HBO España

xoves, 26 de maio do 2016 Marcus Fernández

A primeiros de ano anunciouse que a plataforma de vídeo baixo demanda HBO NOW tiña previsto chegar este ano a España, e Vodafone saíu hoxe á palestra para anunciar que pechou un acordo con HBO España para permitir que os seus clientes teñan acceso ao seu extenso catálogo audiovisual a través de streaming.
A nova plataforma en liña chamarase HBO España e contará con series como Juego de Tronos, True Detective, Veep, Silicon Valley e unha ampla variedade de películas, documentais e series clásicas de HBO, ofrecendo tamén novas series doutros provedores.
Os clientes de Vodafone poderán acceder a HBO España a través de Vodafone TV, pero tamén mediante móbiles, tabletas e ordenadores, quedando agora pendente coñecerse a oferta audiovisual completa que ofrecerá esta nova plataforma de vídeo en liña.
Con este acordo queda claro o compromiso de Vodafone cos contidos audiovisuais, que non se limita á súa oferta de contidos de pagamento tradicionais, senón que tamén conta con alianzas con plataformas como Netflix, o que permite que un servizo que normalmente é independente do provedor de acceso á Rede, poida gozarse de xeito integrado e cunha calidade de servizo superior á doutras compañías.

PUBLICIDADE