Vodafone pretende incrementar as súas tarifas en función do IPC

mércores, 31 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Tras uns anos cunha guerra de prezos moi agresiva no sector das telecomunicacións a prensa económica sorprende asegurando que Vodafone vai rematar coa tendencia ligando as súas tarifas ao Índice de Prezos ao Consumo (IPC) do ano anterior, movemento que prevén que poderían seguir o resto de axentes do sector.
Vodafone xustificaría a suba de prezos á inflación, ao prezo da enerxía e á suba de prezos de custos, servizos e provedores, ou sexa, que en xaneiro aplicaría unha suba nas tarifas que estaría no contorno do 8%, incremento de prezo moi importante, que de non verse emulado pola competencia deixaría á compañía nunha situación aínda peor que a actual, na que perdeu posición de mercado tras o acordo de fusión entre Orange e MásMóvil, de xeito que agora é o terceiro operador do Estado e corre o risco de verse superado por compañías emerxentes cun crecemento meteórico como Digi.
Ao parecer, os clientes de Vodafone recibirán nas vindeiras semanas notificacións informando da nova política de tarifas da compañía, que supón un cambio de tendencia, xa que nos últimos anos os prezos das telecomunicacións baixaron progresivamente, obrigando ás compañías a engadir servizos audiovisuais para manter a súa proposta de valor e poder manter certo volume de ingresos que garanta a súa viabilidade a longo prazo.
As novas condicións nas tarifas de Vodafone non afectarían nin a clientes vulnerables nin ao seu operador de baixo custo, Lowi.

PUBLICIDADE