Volve Youtubeir@s con máis premios e actividades

mércores, 13 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Encher as redes de audiovisuais galegos non é que sexa positivo, enriquecedor e recomendábel, é que vai ter recoñecemento. Esta é a premisa básica do certame Youtubeir@s, cuxa nova edición, a terceira, foi dada a coñecer hoxe na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, nun acto que foi concorrido non só polo público e medios asistentes, senón polo número de representantes das moitas entidades organizadoras: unha ducia de concellos da nosa terra, as nosas tres universidades e maila Deputación da Coruña. Segundo fixeron saber, esta terceira edición levaranos un pouco máis lonxe con respecto do conseguido nas anteriores: convocaranse máis creadoras e creadores, incrementaranse contías de premios e categorías e xeraranse máis actividades de difusión e formación.
Ao mesmo tempo, a finalidade é “consolidar a comunidade de youtubeir@s que naceu, participou e medrou ao abeiro desta iniciativa nos últimos anos”. E todo isto complementando e enriquecido coa presenza do galego, que se reivindica nas redes como unha lingua do noso tempo, perfectamente válida para todo tipo de propostas de innovación audiovisual e, sobre todo, para facerse forte a través de YouTube.
Na presentación participou Mónica Fernández Valencia, coordinadora do proxecto, quen xunto a Martiño Noriega, alcalde de Santiago; José Antonio Cacabelos, alcalde do Grove; Goretti San Martín Rei, vicepresidenta da Deputación da Coruña; Raquel García Abuín, concelleira de Cultura e Normalización Lingüística de Rianxo, e Gumersindo Feijóo, vicerreitor de Planificación e Proxección Estratétixca da USC, presentou o groso de actividades que se desenvolverán neste 2019.
Logros previos
Na cita cos medios e co público reunido na Facultade de Comunicación compostelá debulláronse os fitos acadados nas anteriores convocatorias, salientándose que máis de 380 persoas, con idades comprendidas entre os 18 e os 80 anos, acudiron aos cursos de formación e que ao abeiro do proxecto se produciron máis de 2.000 minutos de contido en galego en Youtube. Ademais, destacouse que máis 400 persoas participaron xa nas dúas edicións dos Premios Youtubeir@s, unha das liñas de acción deste proxecto que, para esta edición, aumenta o número de categorías e incrementa a súa dotación económica ao pasar dos 5.500 euros de 2018 aos 6.500 euros desta terceira convocatoria.
A devandita contía total repartirase nos galardóns das categorías nas que se divide o certame: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle e vídeo-cantarmos. Esta última categoría é unha das grandes novidades deste 2019 e con ela recoñecerase e incentivarase o gran talento musical que está presente en YouTube.
A estas catro modalidades engádenselle outras catro que, un ano máis, premiarán os vídeos que destaquen en creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica e calidade lingüística. A estes oito galardóns cómpre xuntarlles, a maiores, o premio do público, chamado #propostayoutubeira, coa que se impulsará por segundo ano consecutivo a interacción entre as persoas usuarias na rede social Facebook, que poderán propoñer a través do correo electrónico, proposta@youtubeiras.gal, un vídeo do que sexan seareiros/as. Este ano, amplíase o prazo de inscrición, que principia este 13 de febreiro, e remata o vindeiro 27 de setembro.
Formación
Unha das grandes bazas do Proxecto Youtubeir@s é a formación, tal e como se sinalou no acto celebrado en Compostela. Esta liña docente centrará este ano unha parte importante dos seus esforzos en cursos e obradoiros destinados sobre todo á comunidade educativa, por ser o alumnado dos nosos centros educativos (integrado por nativas e nativos dixitais) o principal destinatario do concurso, malia o seu carácter interxeneracional. En base a isto, o proxecto achegarase ao alumnado de secundaria mediante cursos e obradoiros de formación impartidos un ano máis pola produtora Illa Bufarda e coa incorporación ao corpo docente da actriz Laura Villaverde, coñecida por ser a youtubeira Chola, It Girl; ou Marga Rodríguez Tilve, comunicadora audiovisual e youtubeira en As Cousas do Choio.
Youtubeir@s en conexión
Outra vertente desta nova edición é a iniciativa Youtubeir@s en conexión, cuxo obxectivo é consolidar a comunidade de youtubeiros e youtubeiras xa existente, amais de “ampliar a súa base social, dar visibilidade ao seu traballo de creación na rede en galego e fomentar o intercambio e o debate”. Ao abeiro disto, en xuño levaranse a cabo na Coruña dous grandes eventos. No primeiro deles, baixo o nome de Lista de reprodución ao vivo, diferentes youtubeir@s compartirán a súa experiencia coas persoas asistentes que irán cambiando dun a outro como quen cambia de vídeo na Rede. O segundo será a Xornada para Youtubeir@s, que convoca a comunidade youtubeira galega para reflexionar sobre o panorama creativo a varios niveis (lingüístico, temático, creación de públicos), de xeito que se propicie, en palabras das entidades organizadoras, “un lugar de reflexión e conexión para tecer redes e, ao tempo, fortalecer a comunidade entre as persoas creadoras”.
O certame Youtubeir@s, para quen non o saiba, é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.


PUBLICIDADE