Volven suspender a conta de Ye (Kanye West) en Twitter

venres, 2 de decembro do 2022 Marcus Fernández

Ye tería publicado unha imaxe dunha esvástica dentro dunha Estrela de David

O rapeiro Ye, antes coñecido como Kanye West, é sobradamente coñecido polas súas declaracións antisemitas, que no seu día provocara a suspensión da súa conta de Twitter, e a pasada noite, pese á tolerancia de Elon Musk fronte as mensaxes de a quen ten considerado amigo publicamente, tiveron que volver bloquear a conta de Ye despois de que publicase unha imaxe cun logotipo no que mesturaba unha esvástica cunha Estrela de David, o que está considerado como unha incitación á violencia, violando as normas de Twitter.
A provocadora imaxe publicouse horas despois de que Ye participase nunha entrevista en InfoWars na que a celebridade defendeu a figura de Hitler, deixando claro que o tipo de ideas que promove Ye non son as que ningunha plataforma social debería divulgar, por moita liberdade de expresión que defenda Elon Musk, xa que falamos de manifestacións que en boa parte do mundo poden considerarse ilegais.
Curiosamente a suspensión da conta de Ye provocou moitas críticas contra Elon Musk, xa que tras declararse «absolutista da liberdade de expresión» suspende unha conta por publicar unha imaxe, o que consideran que non é unha incitación á violencia e non vulneraría en absoluto as normas de Twitter. O propio Ye teríase queixado sobre o tema con Musk preguntándolle quen o fixo xuíz, ao que non lle faltaría razón, xa que nas últimas semanas é moi caótica a aplicación que se fai das normas de Twitter á hora de moderar contidos, actuándose cunha arbitrariedade absoluta que provoca grande malestar, especialmente pola cantidade de contido que debería terse eliminado e que aínda está presente a pesar das denuncias.

PUBLICIDADE