Wallapop busca comprador

martes, 11 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos anos conseguiu grande relevancia en España a aplicación móbil de compra-venda Wallapop, que coas súas campañas publicitarias conseguiu tamén consolidar a súa marca entre o grande público, e aínda que esta nova empresa española non ten aínda ben definido o seu modelo de negocio, dende elEconomía.es aseguran que os seus fundadores estarían a buscar comprador por 1.000 millóns de dólares, o que pode sorprender se temos en conta que esta empresa con 3 anos de vida e máis de 8 millóns de usuarios activos ten unha facturación mínima e, en poucos meses, podería ter que enfrontarse ao novo Marketplace de Facebook, que posiblemente machuque a toda a competencia de vez ou, como mínimo, arrebátelles a súa posición de liderado.
Wallapop actualmente é un servizo de compra-venda de produtos, que fíxose popular principalmente por poder empregarse de xeito doado a través do móbil, e ter un funcionamento moi simple (máis asumible que plataformas como eBay), pero o servizo é totalmente de balde, de xeito que os seus ingresos chegarían por parte de usuarios que pagan 1,99 euros para conseguir incrementar a visibilidade dos produtos que teñen á venda, o que claramente non é negocio dabondo como para soster toda esta plataforma na que Wallapop nin sequera intermedia nos pagamentos (como si fai eBay, o que supón unha importante fonte de pagamentos).
Parece evidente que, os investidores de Wallapop, se realmente queren recuperar os cartos que puxeron no proxecto teñen que buscar a saída do mesmo agora, pero sorprende que pretendan situar a empresa entre os chamados unicornios (compañías valoradas en máis de 1.000 millóns de dólares) cando a valoración de Wallapop por parte de fondos de investimento norteamericanos sería duns 200 millóns de dólares.

PUBLICIDADE