WhatsApp comeza a soltar lastre e deixa de funcionar en Android 2.2 e iOS 6

martes, 3 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Hai preto dun ano dende WhatsApp anunciaron que, para poder seguir avanzando a bo ritmo, decidiron abandonar o soporte de vellos dispositivos e sistemas operativos, o que farían co remate de 2016, aínda que despois optaron por unha pequena dispensa, de aí que cómpre dar conta da situación actual.
Aínda que inicialmente tiñan pensado que o WhatsApp Messenger iniciase 2017 sen funcionar en Nokia S40, Symbian S60, Android 2.1 e 2.2, iOS 6, Windows Phone 7 e BlackBerry, finalmente co entrada do aninovo só deixaron de funcionar os sistemas con iOS 6, Windows Phone 7 e Android 2.1 e 2.2, outorgando aos trebellos con sistemas operativos de Nokia e BlackBerry unha prórroga até o 30 de xuño de 2017.
Cómpre detallar que Android 2.2 é un sistema operativo do ano 2010, como Windows Phone 7, mentres que iOS 6 saíu en 2012, ou sexa, que son sistemas con bastantes anos, polo que non se espera que haxa smartphones cos mesmos que continúen en servizo e, de feito, nas estatísticas de uso de Android temos que a versión 2.2 está en só un 0,1% dos dispositivos, polo que pode considerase extinta. De feito, outras aplicacións de mensaxería instantánea hai tempo que desbotaron o uso de Android 2.x e precisan como mínimo para funcionar Android 4.0 e iOS 7, evitando así os esforzos de dar soporte a un grupo ridículo de terminais.

PUBLICIDADE