WhatsApp deixará de soportar sistemas operativos de BlackBerry ao remate do ano

mércores, 27 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Antes do verán dende WhatsApp lembraron que a súa aplicación de mensaxería instantánea deixaba de estar dispoñible para dispositivos con Android en versións inferiores a 2.3.3, en Windows Phone 7, en iPhone 3G/iOS 6 (ou anteriores) e en móbiles con Symbian S60, engadindo que outros dispositivos móbiles continuarían a funcionar até final de ano, como serían os dispositivos con Windows Phone 8.0 e con BlackBerry OS e BlackBerry 10.
Agora matizan como será o remate do soporte destes sistemas operativos considerados obsoletos, que poderán operar de xeito limitado, xa que o feito de que non se soporten refírese principalmente a que deixarán de sacar novas versións das súas aplicacións, de xeito que en calquera momento verán como non reciben algunha funcionalidade, pero hai un detalle chave que facilitará a súa erradicación: tras o remate do ano non será posible crear novas contas ou volver a verificar unha conta dende un dos móbiles non soportados, de xeito que ante un problema que force á restauración do móbil será imposible volver operar con WhatsApp.
Esta medida busca claramente soltar lastre, xa que manter o soporte de móbiles moi vellos consume moitos recursos e frea o desenvolvemento de novas funcións. Cómpre salientar que no caso de BlackBerry o que perseguen directamente é abandonar unha plataforma que non compensa manter porque non ten futuro, xa que foi abandonada pola compañía que a creou, que optou por migrar a Android e traspasar o seu negocio de hardware a un fabricante chinés.

PUBLICIDADE