WhatsApp continuará a funcionar en móbiles BlackBerry no que resta de ano

venres, 16 de xuño do 2017 Marcus Fernández

En febreiro de 2016 WhatsApp anunciou que ía suspender o soporte para vellas plataformas móbiles con pouca penetración de mercado naquel momento, xa que o seu mantemento supuña un lastre para a compañía, de xeito que adiantaban que WhatsApp Messenger deixaría de funcionar en Nokia S40, S60, Android 2.1/2.2, Windows Phone 7.1 e BlackBerry, pero ao comezar o presente ano sorprenderon con eliminar só o soporte para iOS 6 (ou sexa, que deixaban fóra o iPhone 3GS), Windows Phone 7 e Android 2.1/2.2, outorgando unha prórroga até o 30 de xuño aos sistemas operativos de Nokia e BlackBerry.
Agora que parecía inminente a desaparición de WhatsApp de certos móbiles considerados obsoletos, sorprenden unha vez máis asegurando que polo momento só erradicarán o soporte para Nokia S60, de xeito que os trebellos con Nokia S40, BlackBerry OS 7 (ou superior) e BlackBerry 10 continuarán a recibir soporte de WhatsApp até o remate de 2017, dando a entender que aínda hai un importante volume de usuarios con dispositivos activos aos que non queren deixar tirados.

PUBLICIDADE