WhatsApp despídese de Windows Phone

martes, 31 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Os distintos sistemas operativos móbiles baseados en Windows continúan o seu camiño cara á extinción, e hoxe é o derradeiro día no que dende WhatsApp aseguran que estará dispoñible o seu servizo para Windows Phone, tendo desaparecido tal aplicación da tenda de Microsoft o pasado verán, dando tempo máis que dabondo para que os usuarios buscasen alternativa, aínda que non parece que puidese haber moitos usuarios activos xa que hai bastante tempo que non se venden móbiles baseados en Windows.
Os móbiles con Windows Phone non son os únicos que quedarán sen soporte de WhatsApp, senón que a partires do 1 de febreiro WhatsApp tamén deixará de funcionar en móbiles con Android versión 2.3.7 ou anteriores, ou con iOS ata a versión 8. Falamos de dispositivos de hai moito tempo (por exemplo, o último iPhone en perder o soporte de WhatsApp sería o iPhone 4, lanzado en 2010), que dende hai anos apenas teñen un uso real, non porque deixen de ser operativos, senón porque en tantos anos degradáronse moito fisicamente.
Actualmente WhatsApp precisa para funcionar móbiles con Android 4.0.3 ou superior, iOS 9 ou superior e, sorprendentemente, KaiOS 2.5.1 ou superior, ou sexa, que está dispoñible nun grupo bastante reducido de móbiles que hoxe non poderiamos considerar smartphones, pero que teñen así un xeito de chegar a certos públicos e mercados coa plataforma de comunicación que máis medrou na última década.