WhatsApp non permitirá os envíos masivos e automatizados en campaña electoral

martes, 22 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Na última campaña electoral os partidos políticos tiveron serios problemas no uso de WhatsApp como ferramenta de mobilización do electorado, e de cara á vindeira campaña dende Facebook quixeron pór á venda antes da ferida e, segundo publica o diario El País, nunha xuntanza privada con representantes dos partidos políticos a compañía de Mark Zuckerberg avisaría de que non tolerarán envíos automatizados a votantes.
Temos así que non hai que agardar ao proceso electoral para que comecen os bloqueos de contas de WhatsApp de partidos políticos por violar as normas do servizo, senón que nunha xuntanza á que acudiron representantes de boa parte dos partidos españois para recibir formación sobre as ferramentas de Facebook, na que o interese por WhatsApp era evidente, deixaron claro que a ferramenta de mensaxería instantánea de referencia en España vixiaría os envíos masivos e os comportamentos sospeitosos, xa que na súa plataforma están prohibidos os envíos masivos e a automatización.
Facebook quere que WhatsApp sexa unha plataforma na que realizar conversas, non para envíos masivos, aínda que os usuarios puidesen indicar o seu interese en recibir información dos partidos. Podemos ver aquí como a intención de WhatsApp é manterse fiel a un modelo de comunicación que quere distanciarse de ferramenta como Telegram, onde é frecuente a existencia de canles a través das que recibir información.
Dende os partidos políticos non ven de bo grado que Facebook aplique condicións máis restritivas a eles que a empresas, e consideran que a xuntanza á que asistiron a semana pasada só tería servido para disuadilos do aproveitamento de WhatsApp na campaña, mentres que a formación impartida por Facebook tería sido totalmente improdutiva (con consellos sobradamente coñecidos por todos os profesionais do sector).

PUBLICIDADE