WhatsApp podería levar o pagamento anual tamén ao iPhone

luns, 18 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Koum durante a presentación do seu acordo con Three

A posibilidade de que WhatsApp pase a ser de balde de xeito indefinido parece totalmente desbotada se atendemos ás informacións das que están a dar conta numerosos medios por mor dunha entrevista do director xeral da compañía, Jan Koum, na que dá a entender que non só os usuarios de Android deberán pagar anualmente para empregar o seu servizo, senón que tamén os usuarios de iPhone, que xa pagaran 0,89 euros pola popular aplicación ao descargala, poderían ter que facer fronte a pagamentos anuais para garantir o funcionamento dun servizo cada vez máis popular.
Foi o xornalista holandés Alexander Klöpping quen escoitou as declaracións de Koum, e deu conta delas, achegando incluso unha gravación sonora ao popular blog tecnolóxico TechCrunch, onde quedan claras as intencións de WhatsApp de pasar a ser un servizo de subscrición de pagamento para todos os seus usuarios ao longo do presente ano, pois teñen que facer sustentable un servizo que actualmente move 17.000 millóns de mensaxes ao día e suma máis de 100 millóns de usuarios só en Android, polo que ofrecerse aos mesmos de balde é claramente inviable.
Este cambio de rumbo de WhatsApp está a realizarse no momento no que chega un grande competidor, LINE, que optou por buscar o financiamento a través da adquisición de contidos dentro da aplicación (os seus característicos stickers ou incluso unha moeda virtual para xogos e outros contidos), polo que o sector da mensaxería móbil está nunha encrucillada, na que usuarios e modelos de negocio poderán definir o camiño dos vindeiros anos.
Koum tamén asegurou a Klöpping que non teñen previsto lanzar en breve unha versión de escritorio de WhatsApp (algo que si fixo LINE), que elementos como o streaming de vídeo en directo non chegarán este ano e incluso matizou que, pese a que o seu servizo teña a sona de reducir os ingresos dos operadores de telefonía móbil, a súa relación cos mesmos é moi boa (pondo como exemplo que incluso teñen acordos coa operadora Three en Hong Kong).

PUBLICIDADE