Windows 10 Mobile quedará sen soporte a finais de ano

venres, 18 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Os cambios de estratexia de Microsoft no contorno móbil fixeron que Windows Phone fose unha plataforma frustrada, que con Windows 10 Mobile tampouco conseguiu conquistar un espazo significativo pese ao seu potencial, dada a forza de iOS e Android, e precisamente por iso Microsoft está a recomendar aos usuarios da versión móbil de Windows 10 que aínda quedan que vaian migrando a iOS ou Android xa que rematarán o soporte de Windows 10 Mobile en breve.
Estes días actualizaron a documentación de soporte de Windows 10 Mobile destacando que a última versión do sistema (publicada en outubro de 2017) rematará o seu soporte o vindeiro 10 de decembro, ou sexa, que antes de rematar o ano Windows 10 Mobile e Windows 10 Mobile Enterprise deixarán de recibir actualizacións de seguridade, parches e soporte técnico sen custo adicional, o que supón a constatación de que estamos ante un sistema operativo morto.
Microsoft recomenda que os usuarios que aínda empreguen Windows 10 Mobile procuren migrar a iOS ou Android antes do 10 de decembro ou, cando menos, procuren facer unha copia de seguridade manual dos seus sistemas antes de tal data.
Aínda que os dispositivos con Windows 10 continuarán a funcionar tras a mencionada data, deixarán de recibir actualizacións, polo que seguir usando estes trebellos pode supor un serio risco para a seguridade, polo que o máis recomendable é ir despedíndose dun sistema operativo que contou con moi pouco apoio de Microsoft, de aí que non sorprenda que vaia dicir adeus definitivamente.

PUBLICIDADE