WordPress.org veta a WP Engine
xoves, 26 de setembro do 2024
- Matt Mullenweg nunha fotografía de Christopher Michel
O xestor de contidos WordPress nos seus máis de 20 anos de vida conseguir conseguiu gañar unha presenza tal que actualmente dá soporte a máis do 43% das páxinas web a nivel mundial, superando sobradamente ao competidores directos como Joomla (co 1,6% das páxinas web) e Drupal (co 0,9%), de xeito que pode considerarse como un dos alicerces da web, e aínda que este software é de código aberto, depende dunha compañía privada chamada Automattic, fundada en 2005 por Matt Mullenweg, quen está a iniciar unha guerra con WP Engine, empresa que asegura ser líder a nivel mundial na hospedaxe de páxinas web con WordPress.
Mullenweg considera que WP Engine debería pagar unha licenza de uso de WordPress para poder continuar o seu negocio, o que expuxo o pasado sábado nunha publicación na que non só apunta isto, senón que tamén denuncia que WP Engine desactiva de xeito predeterminado funcións básicas de WordPress para forzar a que os usuarios que queiran unha experiencia completa teñan que pagar máis.
O fundador de Automattic realizou estas acusacións tras unha intervención na WordCamp US 2024, na que non faltaron referencias a WP Engine, compañía que o pasado luns remitiu unha comunicación legal a Automattic solicitasen a retirada das acusacións que consideran falsas, e a resposta recibida foi radical: WP Engine xa non pode acceder aos recursos hospedados en WordPress.org.
Este bloqueo por parte de Automattic provoca que os clientes de WP Engine non poidan tirar proveito dos servizos ofrecidos por WordPress.org, como o sistema de identificación de usuarios, os servidores de actualizacións, os directores de engadidos e temas e moitas outras funcións, por considerar que WordPress.org non ten que ofrecer servizos de balde a unha empresa que está a atacalos.
Falamos dunha medida tan drástica que está a afectar ao funcionamento de máis de 200.000 páxinas web, levando a que WP Engine proteste denunciando que Matt Wullenweg está a abusar do seu control sobre WordPress, dando a entender que o bloqueo que padecen tamén afecta a clientes doutras compañías que fan uso de ferramentas que dependen de WP Engine (como un famoso engadido que permite a creación de campos personalizados), engadindo que van tomar medidas para mitigar os problemas ocasionados polo veto en WordPress.org.
Queda agora por ver se WP Engine cederá e realizará maiores contribucións económicas a WordPress.org, ou se Automattic relaxará as súas esixencias, pero en calquera caso estamos ante un enfrontamento histórico no ámbito do software libre, no que está a quedar claro que hai que diferenciar ben entre o código do software e os servizos asociados.
ACTUALIZACIÓN (27-9-2024): Ante os problemas creados aos usuarios de WP Engine ao bloquear o seu acceso aos servidores de WordPress.org, dende Automattic din que a empresa coa que está en conflito era completamente consciente de que iso podería pasar, e son os únicos responsables da situación.
Pero para mitigar os problemas causados, anuncian que levantan os bloqueos até o 1 de outubro, dando así máis tempo a WP Engine para poder organizar os seus servidores espello dos de WordPress.org.
Intervención de Mat Mullenweg na WordCamp US 2024