X suspende as súas actividades no Brasil

luns, 19 de agosto do 2024 Marcus Fernández

O pasado mes de abril Elon Musk rebelouse contra a Xustiza brasileira, levantando as restricións en X de contas de usuario na plataforma que as autoridades xudiciais ordenaran bloquear e poñendo no punto de mira ao maxistrado do Tribunal Supremo Alexandre de Moraes.
Ante os reiterados actos de desobediencia de X ante as peticións do Tribunal Supremo (atendidas polas plataformas de Google e Meta), dende X aseguran que Alexandre de Moraes ameazou aos representantes da compañía no Brasil con prendelos se non atendían ás esixencias xudiciais e, en consecuencia, X anuncia o cesamento das súas operacións no Brasil, como medida de protección para o seu persoal, o que non supón que o servizo deixe de estar dispoñible no territorio brasileiro.
Dende X aseguran que as accións do Tribunal Supremo son «incompatibles cun goberno democrático», afirmación moi discutible, pois estamos ante unha compañía estranxeira que se nega a cumprir coa lexislación local. O que dende X chaman censura non deixan de ser medidas de bloqueo ante contas de usuario que realizan actividades ilegais, que no caso actual serían contas de usuarios acusados de promover unha presunta tentativa de golpe de Estado, e corresponderían incluso a persoas sobre as que están vixentes ordes de captura, polo que a compañía de Elon Musk estaría a ser cómplice de fuxidos da Xustiza, de aí que non deberían sorprenderse de accións xudiciais na súa contra.
Os vindeiros capítulos desta historia están aínda por escribir, pois estamos ante un caso dunha compañía que deixa de ter presenza legal no Brasil para poder actuar con impunidade, de xeito que a única alternativa que parecen deixar ás autoridades brasileiras é o bloqueo da plataforma, medida que pode resultar moi polémica.

Orde xudicial na que ameazan con prisión á responsable legal de X no Brasil