Xa está operativa a nova páxina de centros e departamentos da USC

martes, 4 de maio do 2021 S. P.

Equipamento tecnolóxico nunha aula da USC/ Imaxe de Santi Alvite

A Universidade de Santiago comunicou a posta en marcha da súa nova web de centros e departamentos, unha novidade que representa (e culmina) a segunda fase do novo portal institucional lanzado en 2019, desenvolvido pola empresa local Balidea.
A páxina acabada de pór en marcha supón, en palabras da USC, “a renovación estética, funcional e operativa da web de cada centro”, amais da creación dunha intranet coa que mellorar a comunicación interna, a xestión documental e os procedementos. Segundo fixo saber o reitor, Antonio López, estamos ante algo máis ca “unha evolución estética”, estamos ante un exemplo de como as estratexias comunicativas dixitais e os seus contidos “deben adaptarse aos tempos e ás persoas”.
Unha vez máis, logo das experiencias participativas de éxito do portal lanzado en 2019, apostouse por fomentar a implicación integral de todas as persoas implicadas: “A nova web é a web de toda a USC, é así porque os traballos de análise, recollida de información, interpretación e reestruturación foron e son feitos da man con todos os colectivos que compoñen a comunidade universitaria presente e tamén a futura”, sinalou o reitor, explicando que a páxina é o froito dun traballo de meses e dun plan de desenvolvemento que incluíu grupos de discusión con representantes do persoal docente e investigador, persoal de administración e servizos, alumnado propio e de ensinanzas medias, pais e nais así coma orientadores de institutos, ou empresas, cun único obxectivo: “Todas e todos debían recoñecerse no novo portal web”.
Todo este esforzo tamén tivo a súa correspondencia nos medios técnicos e na organización do servizo. “Trátase dunha nova implementación que dá prioridade á consulta de información dende dispositivos móbiles, en consonancia coas demandas de usabilidade contrastadas nas discusións cos grupos de usuarios e usuarias”, apuntou López, engadindo que “a nova web está construída sobre unha base tecnolóxica completamente renovada, tanto no que respecta ao software que lle dá vida como á infraestrutura tecnolóxica que a sustenta”.

PUBLICIDADE