Xa podemos xogar a Wordle en español e galego

luns, 10 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

Nas últimas semanas o xogo en liña de adiviñar palabras de 5 letras Wordle, creado por Josh Wardle, converteuse en todo un fenómeno pola súa proposta de adiviñar unha palabra ao día e poder compartir as xogadas a través das redes sociais, incitando aos usuarios a volver todos os días para tentar adiviñar a palabra do día en menos pasos que os seus amigos e coñecidos.
Este xogo, dispoñible inicialmente en inglés, está a provocar que xurdan proxectos paralelos noutras linguas, entre os que xa está un en español desenvolvido por Daniel Rodríguez, e incluso versións en catalán e en galego (adaptado por Abraham Martínez Gracia), o que é unha magnífica nova para as linguas, que ven así como os usuarios enriquecen o seu vocabulario á vez que se divirten.
A mecánica de Wordle é moi sinxela: consiste en adiviñar unha palabra de cinco letras cada día, para o que teremos seis intentos. A cada intento veremos como as letras que propomos figurarán en verde se están na palabra e na posición atinada, en amarelo se a letra está na palabra e na posición incorrecta e en gris se non forma parte da palabra.

JPEG - 126.2 KB
A mecánica de Wordle é sinxela, buscando animar aos usuarios a xogar diariamente

PUBLICIDADE