Xiaomi fai fronte a unha fianza de 200.000 euros para estar presente no MWC

venres, 23 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

As medidas cautelares tras demandas xudiciais están de máxima actualidade en España, pero non só por mor do secuestro do libro Fariña, senón que tamén afecta ao Mobile World Congress (MWC) de Barcelona, no que este ano ía ter grande presenza por primeira vez a chinesa Xiaomi, pero unha empresa española, Tot Power Control, tentou frustrar os plans da compañía asiática acusándoa de infrinxir unha das súas patentes europeas cos seus terminais Redmi Note 5A, Mi A1 e Mi MIX 2.
Tot Power Control recorreu aos Xulgados do Mercantil de Barcelona, solicitando que Xiaomi non puidese comercializar os mencionados terminais, entregando informes periciais nos que constatan que Xiaomi podería dispor da tecnoloxía infractora, polo que o Xulgado aceptou a aplicación de medidas cautelares, para o que Tot tivo que aboar 150.000 euros e Xiaomi tivo que aboar unha fianza de 200.000 euros para poder estar presente na feira tecnolóxica de Barcelona.
Dende Xiaomi ven mala fe nesta demanda, presentada xunto antes do Mobile World Congress, e sen dar tempo para reaccionar (a coincidencia co Aninovo Chinés fixo que a compañía non puidese aínda revisar a patente de Tot para avaliar a súa validez e alcance).
Cómpre destacar que Tot Power Control non só está a enfrontarse nos xulgados contra Xiaomi, senón que tamén ten causas abertas contra Xiaomi e Vodafone, compañías ás que esixe un mínimo de 508,9 millóns de euros (podendo chegar a demanda até os mil millóns de euros).

PUBLICIDADE