Xiaomi presenta o seu primeiro automóbil eléctrico

xoves, 28 de decembro do 2023 Marcus Fernández

Cando Xiaomi presentou HyperOS, o sistema operativo que substituirá a MIUI nos móviles, insistían na idea de crear todo un ecosistema que facilitase a interacción con distintos dispositivos conectados, incluíndo entre os mesmos aos automóbiles, o que encaixa á perfección co seu último produto: o Xiaomi SU7.
O automóbil eléctrico de Xiaomi xa é unha realidade, e promete converterse nun importante actor no sector, tanto polo atractivo do vehículo como pola súa grande integración de tecnoloxía, que segundo o fabricante «é meirande ca de Tesla».
O novo vehículo partiría dun modelo básico con batería de 73,6 kWh que permitiría unha autonomía de até 668 quilómetros, até un modelo Max con batería de 101 kWh que podería chegar até os 800 quilómetros de autonomía (sempre cos criterios de autonomía fixados en China, que son menos rigorosos dos que se empregan en Europa). As baterías empregadas poderían conseguir até 220 quilómetros de autonomía con 5 minutos de carga, até 390 quilómetros de autonomía en 10 minutos ou até 510 quilómetros de autonomía en 15 minutos de carga.
O Xiaomi SU7 integra HyperOS no seu sistema de lecer electrónico integrado que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 8295 e pode controlarse a través dunha pantalla de 16,1 polgadas (que pode dividirse en varias partes para, por exemplo, amosar a pantalla do móbil para ofrecer unha experiencia cómoda), podendo instalarse de xeito magnético un par de tabletas Xiaomi Pad na parte traseira dos asentos dianteiros.
O vehículo tamén contan con capacidades de condución autónoma coa plataforma Xiaomi Pilot, baseada en procesadores nVIDIA Drive Orin, e inclúe un LIDAR cun rango visual de até 200 metros.
Polo momento non desvelaron o prezo ao que chegará o Xiaomi SU7 ao mercado (a partir do mes de febreiro), aínda que o fabricante insinuou que será bastante caro, xa que falamos dun vehículo de alta gama.

Xiaomi asegura que o seu automóbil eléctrico inclúe máis tecnoloxía ca un Tesla