Xorde unha nova filtración masiva de fotografías íntimas de celebridades norteamericanas
luns, 22 de setembro do 2014
- Jennifer López é unha das prexudicadas da nova vaga de fotografías filtradas
Aínda que dende Apple aseguran
ter reforzado a seguridade de iCloud e iOS 8, iso non impediu que no pasado
unha serie de celebridades visen comprometidas as súas fotografías almacenadas
na nube, e á masiva
filtración de fotografías íntimas de numerosas actrices e figuras públicas
norteamericanas alcumada como CelebGate
ou The Fappening séguelle agora unha
segunda vaga de imaxes e vídeos, na que volven ser vítimas figuras como a
actriz Jennifer Lawrence (sen dúbida, a principal prexudicada), a futbolista
Hope Solo ou a actriz e cantante Victoria Justice, ás que se lle suman moitas
outras famosas como a cantante Avril Lavigne, a modelo Bar Rafaeli, a cantante
Rihanna, a actriz Hayden Panettiere ou a actriz e cantante Vanessa Hudgens.
- Durante a fin de semana difundíronse centos de fotografías roubadas de celebridades norteamericanas
As imaxes volven circular sen control por numerosos foros e plataformas de
intercambios de ficheiros (aínda que nalgúns casos retíranse os contidos tras a
recepción de reclamacións), incluíndo fotografías claramente tomadas na
intimidade, e que en moitos casos resulta evidente a súa antigüidade (nalgunhas
vese como se toman dende vellos teléfonos de cuncha), polo que parece
confirmarse que a fonte de tal material sería moi diversa, sen limitarse
unicamente a iCloud.
- A actriz Kaley Cuoco veu como moitas das súas imaxes íntimas sacadas co móbil veron a luz a través de plataformas como 4chan e Reddit
En vista do enorme volume de imaxes que inclúe esta nova filtración, resulta evidente que o material que está en posesión dos responsables desta grave vulneración da intimidade de ducias de celebridades pode entenderse que están a facer unha mostra de forza, posiblemente para intentar distribuír máis material previo pagamento a espazos web sensacionalistas ou incluso como extorsión. As autoridades norteamericanas xa están a investigar a orixe das filtracións, aínda que polo momento non se sabe dos resultados das pescudas nin pode confirmase se estamos ante un novo roubo de imaxes (pese a que todo apunta a que estamos ante os mesmos responsables, tanto polo tipo de material distribuído como polo xeito de proceder na súa publicación).