Xornal de Galicia abandona a súa edición impresa

martes, 2 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Exemplar do primeiro número da edición impresa de Xornal de Galicia

A prensa en Galicia está a vivir momentos de grandes cambios, co cese de múltiples cabeceiras como A Nosa Terra, A Peneira ou Galicia Hoxe, ás que o vindeiro xoves unirase Xornal de Galicia, medio que anunciou que deixará de editarse en papel, mantendo a súa edición en liña. Cómpre destacar que Xornal.com leva funcionando na Rede dende 1999, mentres que a súa transformación como edición dixital dun medio impreso non tivo lugar ata decembro de 2008, tendo que padecer agora un retorno ás súas orixes.
Dende Xornal de Galicia aseguran que esta nova etapa centrarán o seu esforzo informativo e comercial na súa edición dixital coa fin de “destinar mellor os seus recursos técnicos e o seu gran capital humano”, prometendo manter “o seu compromiso con Galicia e a súa liña editorial como periódico progresista e galeguista”. Consideran que a causa deste cambio de rumbo é unha mestura de 3 elementos: a crise dos medios de comunicación, a conxuntura económica global e a falta de apoios institucionais.
Aínda que non fan referencia a axustes no seu cadro de persoal, parece evidente que unha vez cesada a edición impresa de Xornal de Galicia reducirán considerablemente o número de traballadores no proxecto.

PUBLICIDADE