Xunta e Goberno central achegan 100 novos millóns de euros contra a fenda dixital
mércores, 12 de novembro do 2008
A Xunta de Galicia e o Goberno central veñen de dar un novo paso para a consecución dunha vella arela que se ten estendido no tempo máis do que debería: a fin da fenda dixital en Galiza. Máis polo miúdo, o seu movemento conxunto refírese á fin do baleiro dixital máis puramente tecnolóxico e de equipamento. A cita entre un e outro executivo celebrouse este mércores en Santiago, da man do conselleiro de Innovación, Fernando Blanco (na imaxe), e do secretario de Estado de Telecomunicacións, Francisco Ros.
No transcurso do encontro, aberto aos medios, procedeuse a asinar o compromiso conxunto para o desenvolvemento do Programa de Infraestruturas de Telecomunicacións, dentro do Plan Avanza. Entre outras cousas, isto significa o seguinte: que se dedicarán 100 millóns de euros para financiar o afianzamento da Sociedade da Información en Galiza (sendo a achega do Ministerio de Industria de 99 millóns, a xeito de empréstamo sen intereses).
Esta contía, que se destinará a completar as infraestruturas de telecomunicacións na nosa xeografía, permitirá actuar no espallamento da banda ampla e da TDT, amais de potenciar o acceso á alta velocidade das empresas nos polígonos industriais do país.
As accións, punto por punto
Máis en detalle e referíndonos xa ao uso vindeiro destes orzamentos en eidos concretos, sinalar que a xuízo de Fernando Blanco unha das grandes prioridades de actuación é sen lugar a dúbidas o noso rural. Así, apuntou, a maior parte dos fondos acordados (93,8 millóns de euros) irán dirixidos a iniciativas de afianzamento dixital e tecnolóxico nos espazos non urbanos ou que presenten “deficiencias de calidade do seu servizo”.
A Consellería de Innovación xa anunciou cales serán os principais instrumentos desta parte da iniciativa xeral: posta en marcha de redes de acceso de banda ampla (equipos transmisores e receptores), cableado de fibra óptica, enlaces, e a obra civil e alimentación enerxética.
Polo que respecta á TDT, dicir que se reservará ao seu reforzamento ata 5 millóns de euros. O obxectivo: evitar que o apagamento analóxico previsto para 2010 deixe fóra do acceso á plataforma ás áreas illadas da nosa xeografía. En terceiro lugar destinarase 1 millón de euros ao afianzamento da banda larga nos polígonos industriais do país.
