Yahoo.com confírmase como a que menos cae das webs máis visitadas
martes, 3 de abril do 2007
Ë posible ser un buscador máis ou menos bo (cos teus defectos e coas túas virtudes) e ficar ó longo do ano cen por cen activo, sen caer nun só segundo, sen pedir por auga, por refresco, por bits ou por calquera cousa que precises (sendo como es unha web) para obter enerxía? A xuízo dun dos últimos estudos de Royal Pingdom, é ben posible, e Yahoo! está aí para certificalo. No devandito informe (que lle serve a Enrique Dans para reflexionar sobre o custo do downtime, é dicir: o prezo de estares na ponla), analízanse os vinte sitios máis visitados da Internet segundo Alexa para tirar unha serie de cifras sobre o tempo que ficaron caídos no que levamos de ano. Tal e como dixemos ó comezo o máis favorecido polo estudo foi Yahoo!, ó que polo visto non se lle pode botar na cara nin un só segundo de inactividade. É dicir: semella que sempre estivo aí ó longo dos tres meses que levamos de 2007 para achegarnos os seus servizos.
Logo de Yahoo!, como se pode ver na táboa que inclúe Royal Pingdom, veñen AOL (3 minutos de caída), Comcast (3 minutos), eBay (6 minutos), Google (7 minutos) ou Go.com (8 minutos). Na zona máis baixa da listaxe, alí onde se concentran as webs que máis ficaron con gráfica plana de actividade atopamos un servizo que está hoxe en día en boca dos internautas todos: YouTube, coa cifra nada desprezable de 48 horas e 4 minutos de “motor calado”, o que significa unha chea de tempo e, probablemente, unha chea de cartos que se perden directa (imaxinemos un cliente querendo comprobar o estado dos seus anuncios nunha páxina sen combustible) ou indirectamente (perda de confianza e de prestixio).
No grupo das webs que semellan precisar dun empurrón colectivo de viandantes áchase tamén Blogger.com, con máis de dúas xornadas en stand by.
