YouTube TV competirá coa televisión por cable nos EE.UU.

mércores, 1 de marzo do 2017 Marcus Fernández

A dependencia da oferta televisiva da instalación realizada no fogar é unha incomodidade que cada vez o usuario rexeita máis unha vez afeito ao consumo en plataformas audiovisuais en liña, e para atender á demanda do público anuncian nos EE.UU. unha nova plataforma televisiva orientada ás novas xeracións: YouTube TV.
Este novo servizo ofrece mediante streaming os contidos de canles televisivas tradicionais (ABC, CBS, FOX NBC, ESPN...) de xeito que permitirá tanto seguir retransmisións deportivas como programas televisivos ao mesmo tempo que os usuarios de servizos de televisión por cable ou satélite; conta cun servizo de gravación na nube sen límite de capacidade (podendo almacenar os contidos programados até 9 meses); está accesible en todas as pantallas do usuario (o servizo pode empregarse no móbil, en tabletas, no ordenador e incluso a través de Chromecast ou de televisores que integren Google Cast); inclúe na subscrición todos os contidos de YouTube Red Originals; permite cerar até 6 contas de usuario por subscrición das que 3 poden operar ao simultaneamente (adaptándose á realidade do consumo doméstico); e conta cun prezo considerado como moi axustado (35 dólares/mes) por ser a metade que as ofertas de televisión por cable nos EE.UU. e carecer de compromisos de permanencia.
Temos así que YouTube comeza a competir coas plataformas televisivas tradicionais de xeito directo, converténdose nunha seria ameaza para as compañías de televisión por cable nos EE.UU., onde cada vez é máis frecuente abandonar as súas subscricións para optar por plataformas que operan na Rede.

PUBLICIDADE