YouTube abre a todos os creadores a posibilidade de crear vídeos multilingües

mércores, 10 de setembro do 2025 Redacción

YouTube vén de anunciar a expansión da súa función de audio multilingüe a millóns de creadores ao longo das vindeiras semanas. Isto permitirá que, cando un creador dos Estados Unidos publique un novo vídeo, un espectador en Corea, outro en Brasil ou outro na India poidan velo de inmediato no seu idioma nativo.
A idea xurdiu hai dous anos cun programa piloto que permitía a un grupo reducido de creadores engadir dobraxes en varios idiomas. Os resultados foron significativos: de media, aqueles que empregaron pistas de audio multilingües conseguiron que máis dun 25 % do tempo de reprodución dos seus vídeos procedese de visualizacións nun idioma distinto ao principal. Nunha liña semellante, YouTube tamén comezou a probar miniaturas adaptadas ao idioma de cada espectador.
O impacto sobre canles recoñecidas foi inmediato. No caso do chef Jamie Oliver, a introdución de pistas de audio en varios idiomas multiplicou por tres as súas visualizacións. Outros nomes destacados, como MrBeast ou Mark Rober, incrementaron tamén o seu alcance global. Este último chega a publicar vídeos con máis de trinta idiomas dispoñibles, o que lle permite conectar cun público que vai de Seúl a São Paulo no mesmo intre.
O creador gastronómico Nick DiGiovanni, participante no piloto, explicou que grazas a esta tecnoloxía logrou expandir a súa audiencia internacional. Agora os seus contidos poden seguirse en español, turco, vietnamita, ruso, árabe e moitos outros idiomas, consolidando unha comunidade global arredor da súa canle.

Nick DiGiovanni deu conta da súa experiencia cos vídeos multilingües