Yuzz Santiago achegará formación innovadora a máis de 40 emprendedores

martes, 7 de marzo do 2017 Redacción

Este luns inaugurouse no Edificio Emprendia (Campus Vida) a oitava edición do Centro Yuzz-Santiago, edición compostelá do programa Santander Yuzz Mozos con ideas. No acto participaron, entre outros, o reitor Juan Viaño, e a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca Carús. Segundo fixeron saber, Yuzz é unha iniciativa de Santander Universidades e o Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE), e conta co apoio local da Xunta e da Universidade de Santiago. O obxectivo desta nova edición: impulsar o talento e a innovación tecnolóxica da mocidade galega co obxectivo de favorecer o emprego xuvenil. O programa Yuzz na USC, ao igual que as restantes iniciativas locais (incluída a da Coruña), fornecerá formación, apoio e asesoramento gratuíto a máis de 40 persoas de entre 18 e 31 anos ao longo de 5 meses nos Centros Yuzz de Santiago e Lugo.
Ademais, premiarase cunha viaxe a Silicon Valley aos mellores emprendedores ou emprendedoras dos dous centros, optando a 60.000 euros de financiamento. As persoas interesadas poderán presentar a súa candidatura a través dun formulario dispoñíbel en yuzz.org.es até o vindeiro 2 de decembro.
Na presentación salientouse a importancia de Yuzz para favorecer o emprendemento tecnolóxico e o achado de novos e interesantes proxectos. Sen ir máis lonxe, díxose que ao seu abeiro creáronse xa medio milleiro de empresas e incorporáronse preto dun milleiro de emprendedores ao tecido produtivo estatal.
No caso de Yuzz USC impulsaranse 20 proxectos e darase acubillo a 40 persoas seleccionadas, que se beneficiarán do acceso ao espazo de co-working de alto rendemento do Edificio Emprendia (espazos físicos para desenvolver ideas e relacionárense con outros emprendedores, ademais de recibir formación en innovación e modelos de negocio por unha rede de máis de 200 expertos profesionais).
Unha vez rematado o proceso de formación e apoio, as dúas persoas elixidas como os mellores emprendedores/as dos centros Yuzz Santiago e Lugo, respectivamente, realizarán unha viaxe a Silicon Valley, en palabras da USC “o referente internacional máis importante en innovación e emprendemento”, onde se lles brindará acceso a foros de financiamento, asesoramento en internacionalización e contacto con investidores.
Ademais, os tres mellores proxectos nacionais recibirán 30.000, 20.000 e 10.000 euros para acelerar o desenvolvemento do seu negocio. Tamén se outorgará o premio Yuzz Muller con 20.000 euros máis e que se concederá ao mellor premio liderado por unha muller (por exemplo, sen ir máis lonxe, o proxecto Sadvia do centro Yuzz-Santiago, premiado na edición anterior).
No acto recordouse que ao longo das sete edicións xa celebradas, o centro compostelá do programa Yuzz foi quen de acumular catro premios estatais: o 2º premio nacional na cuarta convocatoria para o proxecto Looar (start-up que ofrece solucións NFC para Cidades Intelixentes) e o primeiro na quinta edición para SITUM (proxecto de xeolocalización en interiores), ademais do premio do concurso Este es mi pitch na sétima edición e o mencionado Yuzz Muller.

PUBLICIDADE