Zuckerberg anuncia 10 mil novos despedimentos en Meta

martes, 14 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Mark Zuckerberg publicou unha actualización do Ano da Eficiencia de Meta, que é o xeito no que a compañía está a enfocar a súa reestruturación, asegurando que van prescindir de 10.000 traballadores actuais e preto de 5.000 empregos que tiñan previsto crear, deixando claro que Meta está a reducir unha infraestrutura que tiña sentido en plena pandemia, pero tras a volta á normalidade non é preciso contar con tanto persoal.
Amais, Zuckerberg destaca que cancelarán os proxectos con menor prioridade e reducirán as súas taxas de contratación, estando prevista esta nova quenda de despedimentos ao longo dos meses de abril e maio. Este tipo de anuncios busca claramente tranquilizar aos investidores, que desconfiaban da ambiciosa aposta polo metaverso, especialmente no contorno actual no que toda a industria está a enfocarse á intelixencia artificial.
Meta xa anunciara o despedimento de máis de 11.000 traballadores a finais do ano pasado, e o anuncio actual simplemente sostén os mesmos principios de redución de custos.