eXXperimenta en Feminino mergulla a case 400 escolares na ciencia e a tecnoloxía sen prexuízos de xénero
venres, 20 de febreiro do 2026
Case 400 rapazas e rapaces da provincia de Ourense participaron esta mañá no Campus de Ourense na novena edición da feira eXXperimenta en Feminino, a gran cita anual coa divulgación científica e co fomento da igualdade no eido CTEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) do Campus: unha iniciativa impulsada por un amplo colectivo de persoal docente e investigador da UVigo, principalmente mulleres, que queren contribuír a rachar os teitos de cristal neste eido.
A feira celébrase no edificio Politécnico co gallo do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, e nela participan arredor de 150 investigadoras e investigadores, maioritariamente mulleres, da Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Conta co apoio de, ademais dos centros implicados, do Campus Auga; das unidades de Cultura Científica e de Igualdade da UVigo e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Pola mañá estivo aberta aos centros educativos que reservaron praza (14 grupos de estudantado preuniversitario de Ourense cidade, Xinzo de Limia, Bande e Allariz) e a partir das 14.00 h ao público en xeral, xa con entrada libre.
Na visita á feira, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense, salientou que “é moi importante que a rapazada veña ao noso campus, pasee polas nosas facultades, coñeza ás nosas investigadoras e investigadores e o traballo que realizan, que participen en experimentos e que vexan a importancia da ciencia para a sociedade e como esa ciencia tamén a fan mulleres”.
Pola súa banda, a profesora Alma Gómez (co-organizadora da cita) sinalou que “seguimos celebrando esta feira coa mesma ilusión de sempre, porque cada ano nos chaman máis colexios interesados en vir e temos que deixar sempre algúns fóra pero coa pena de ter que seguir facéndoa porque persiste a desigualdade nas carreiras CTEM”. Lembrou que aínda que arredor do 50% do alumnado universitario é feminino esta cifra é inferior ao 30% nas carreiras CTEM e en titulacións como Enxeñaría Informática está arredor do 15%.
Ao longo da mañá, as e os escolares percorreron cada un dos 13 postos da feira para facer todo tipo de experimentos, ademais de coñecer tanto as titulacións CTEM que se imparten en Ourense como persoas que nelas traballan ou estudan. Os postos estiveron relacionados con diferentes aspectos do traballo investigador que realizan os diferentes grupos de investigación do Campus implicados nesta feira. Entre as numerosas actividades científicas ofrecidas neles, principalmente por investigadoras pero tamén por investigadores, o público puido ver microorganismos da auga; coñecer o valor oculto na biomasa; crear un arco da vella; coñecer como se forman as nubes e os tornados e a loita insectfriendly contra a vespa velutina.
Tamén se puido ver o funcionamento dun túnel de vento de aeronáutica; programar con ferramentas sinxelas; e coñecer como os residuos poden ter unha segunda vida e o poder das encimas.
A programación da tarde, aberta ás persoas interesadas, inclúe a conferencia Barbies e robots, ofrecida por Deborah García Bello (A Coruña), investigadora en ciencia dos materiais, escritora e divulgadora científica autora do blog de divulgación Deborahciencia. Será ás 16.30 h, no salón de actos Marie Curie do edificio Politécnico, non sendo necesaria inscrición previa.
Por último, na celebración de eXXperimenta en Feminino entregaranse os galardóns do X Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, organizado por este colectivo.
