nVIDIA supera a Apple en valoración bolsista
xoves, 6 de xuño do 2024
- Jensen Huang presentou as últimas novidades de nVIDIA en Taipei (Taiwán)
Co gallo da feira Computex dende nVIDIA presentaron unha chea de solucións para que consumidores e empresas poidan estar á última no ámbito da intelixencia artificial que está a converterse nunha revolución tal que leva a que os mercados non vexan aínda o teito da valoración desta empresa californiana que está a facer historia ao superar os 3 billóns de dólares de valor de mercado segundo o índice NASDAQ, superando lixeiramente a Apple, e quedando só por detrás de Microsoft (que ten un valor de mercado de 3,1 billóns de dólares).
Dá a impresión de que nVIDIA pode chegar a superar a Microsoft en breve, liderando o mercado polo simple feito de que é o principal provedor de hardware para adestrar modelos de IA, non chegando a acaparalo case totalmente porque non é quen de atender a elevada demanda actual (que podería manterse durante varios anos).
Falamos dunha compañía que multiplicou por 32 o seu valor bolsista en só 5 anos, e aínda que nos últimos anos era o fenómeno das criptomoedas o que disparara o seu negocio, a explosión da intelixencia artificial está a ser moi superior a todos os niveis, converténdose nVIDIA na principal compañía beneficiada.
Para explicar este éxito lembran que cando nos EE.UU. viviron a febre do ouro os que fixeron negocio foron os que vendían picos e pas, e nVIDIA é o fabricante das pas da IA.
Tamén cómpre salientar que a compañía que lidera o NASDAQ, Microsoft, tamén está moi ben posicionada no ámbito da IA grazas á súa asociación con OpenIA e ao ser un grande provedores de servizos de computación na nube (Azure), polo que os mercados teñen moi claro que a intelixencia artificial é o negocio con maior proxección de futuro neste momento.