A AGASP forma en cibercriminalidade ás forzas e corpos de seguridade

martes, 9 de abril do 2024 Redacción

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) convoca a II Xornada DFIR Galicia de cibercriminalidade dirixida ás forzas e corpos de seguridade, ademais de persoal da xudicatura, do Ministerio Fiscal e profesionais dedicados a dar resposta ante incidentes, investigación ou a análise forense de equipos informáticos. De feito, o DFIR ( (Digital Forensic & Incident Response) baséase na análise forense dixital dun equipo informático co obxectivo de detectar a orixe e as causas dun incidente ou fallos de seguridade, que de forma proactiva permitirá previr posibles ataques informáticos.
Segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, a acción formativa desenvolverase de maneira presencial o 25 de abril e terá unha duración de 8 horas. A xornada estrutúrase en sesións de contido teórico e práctico. Así, pola mañá, haberá conferencias sobre Intelixencia Artificial aplicada ao mundo da ciberseguridade, regulamento, medios de pago e criptomoedas.
Xa pola tarde, impartiranse obradoiros especializados da man de expertos tanto no eido académico como profesional. Estes talleres centraranse nas bases forenses para aplicacións en contedores e na análise forense de redes, de malware e en sistemas Linux.

PUBLICIDADE