A Aula TIC PEME organiza a novena edición do seu obradoiro en liña sobre xestión de relación cos clientes

mércores, 11 de maio do 2016 Redacción

Este mes a Aula TIC PEME da Universidade de Santiago (Campus de Lugo) vai organizar en datas vindeiras a novena edición do seu Taller Virtual sobre Xestión de Relación con Clientes con vTigerCRM. O obxectivo principal da Aula é seguir dando respostas formativas acaídas para o alumnado en materia de comunicación empresarial con clientes, “dada a gran aceptación que tivo a última convocatoria do curso”. O obradoiro diríxese sobre todo a PEME e autónomos, pero poderá cursalo calquera persoa interesada nestes ámbitos profesionais CRM. Trátase, coma nas anteriores edicións, dun taller cen por cen virtual, con contido baseado en vídeo titorías e actividades prácticas. Celebrarase entre o 20 de maio e o 30 de xuño deste ano.
O custe do obradoiro é de cincuenta euros, aínda que os alumnos e ex-alumnos da Universidade de Santiago terán á súa disposición un desconto do 50% no devandito importe (ao que cómpre engadir descontos grupais para grupos de 5 persoas). Para inscribirnos temos que encher o formulario correspondente habilitado pola Aula.
Respecto do miolo do curso, sinalar que durante o desenvolvemento do taller empregarase a aplicación web de software libre vTigerCRM. Ademais doutras temáticas, o programa do obradoiro inclúe contidos sobre instalación e posta en marcha da aplicación vTigerCRM, familiarización coa contorna, manipulación dos rexistros (contactos e empresas), proceso de venda e post-venda, xestión de inventario, campañas de mercadotecnia, análise de datos, configuración do administrador e posta en marcha do portal do consumidor.
No que atinxe á metodoloxía elixida, lembrar que se trata dun obradoiro “eminentemente práctico”, baseado en software libre e de código aberto. Impartirase integramente de forma virtual a través dun espazo virtual habilitado para tal efecto. Cada semana proporanse unha serie de materiais compostos principalmente por vídeo-titorías explicativas das temáticas devanditas, de tal maneira que cada participante deberá revisar os materiais facilitados e completar as tarefas semanais para comprobar cal é o grao de aproveitamento dos módulos. Devanditos materiais atópanse totalmente actualizados á última versión de vTigerCRM dispoñíbel nestes intres (6.4.0).
Sinalar tamén que cada un dos participantes terá asignado un/a titor/a con a finalidade de que a atención sexa “o máis personalizada posíbel”. Doutra banda, o alumnado poderá facer uso de dous tipos de titorías: en tempo real (un día á semana fixarase un horario de atención en tempo real a través dun chat) e en tempo diferido (existirá un foro onde cada participante poderá presentar as súas dúbidas ou consultas, de tal forma que sexan resoltas polo titor/a nun prazo máximo de 48 horas).

PUBLICIDADE