A Casa da Xuventude de Santiago convértese en centro de coñecemento aberto
xoves, 28 de xullo do 2016
- A primeira xuntanza do Rechuncho Maker en Compostela
A antiga
Casa da Xuventude de Santiago salvouse finalmente do derrube
(acordado durante o anterior mandato compostelán) e todo apunta
a que será un salvamento construtivo: unha nova vida como centro de
coñecemento e colaboración cidadá que compense, todo hai que
dicilo, unha presenza estética externa discutíbel (pendente de intervención). Dun tempo a esta
parte, de feito, o inmóbel semella acubillar máis movemento que en
todos os cinco anos anteriores de actividade. Segundo o Concello de
Santiago, o movemento aínda irá a máis. O
motivo: xa foron seleccionadas as cinco propostas de dinamización
residentes neste espazo, coñecido agora como Matadoiro Compostela.
As cinco iniciativas (elixidas dun total de 25) desenvolveranse ao
remate do verán, até outubro. Logo convocarase o concurso de
arquitectura para darlle ao edificio unha renovación e unha viraxe
integradora na súa feitura. Entre os proxectos seleccionados atópase
o Recuncho Maker.
O Recuncho
Maker, impulsado pola comunidade Vermislab, é un espazo
para albergar e impulsar unha comunidade de coñecemento aberto, no
que persoas de todas as idades poidan aprender, compartir e ensinar
nos eidos da tecnoloxía, a artesanía, o deseño, a gastronomía ou
a arte. A proposta ten a súa propia web, www.recunchomaker.org,
e até o de agora os seus membros establecían as súas xuntanzas no
25 da rúa Caramoniña. Trátase dunha comunidade aberta en todo o
senso do termo e participan do ideario dos colectivos de hardware e
software libre, pero cunha vontade aínda máis integral, universal e
atemporal, abranguendo novas tecnoloxías pero tamén vellos oficios,
carpintería, oleiría, papiroflexia, novos materiais, impresión 3D
e electrónica.
Outra das iniciativas que vai ter o seu eixe
operativo no Matadoiro é Kokedama Colectivo, que impulsará neste
inmóbel nun recanto de seu (o seu Refuxio)
para impulsar o traballo
que leva desenvolvendo desde primeiros de ano desde a Facultade de
Ciencias da Educación, a raíz dun proxecto sobre o tratamento de
espazos. O seu obxectivo é “reflexionar e investigar sobre a arte
e a educación, e deseñar propostas innovadoras aproveitando a
potencialidade dos espazos como axentes educadores e como
aglutinadores de identidades colectivas”.
O terceiro proxecto
residente do Matadoiro Compostela será un Laboratorio aberto de
fotografía, proposto por Iván Barreiro. O obxectivo é crear
un punto de encontro entre fotógrafos, e crear sinerxias coa Escola
Mestre Mateo.
A cuarta iniciativa é Grupo
Gráfico, unha proposta interdisciplinar para pór en
contacto artistas de diferentes eidos creativos, dende o vídeo e a
fotografía até o deseño e a ilustración. Por último, ocupará a
antiga Casa da Xuventude o Espazo sen adultos, que,
como se indica no seu nome, diríxese a fornecer un espazo de
expresión e comunicación para as nosas crianzas. O Espazo sen
adultos tamén se encamiña a fortalecer a vea creativa dos máis
pequenos a través da arte mural.