A Deputación de Pontevedra e a UVigo fan entrega dos premios GirlGeekPower

xoves, 21 de marzo do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo concederon este xoves os premios GirlGeekPower aos mellores currículos académicos de alumnas de Ciencias e Enxeñarías. A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, entregaron os galardóns “ás merecidísimas gañadoras desta edición”: Antía Álvarez Picó e Iria Ollero Cadillo na rama de Enxeñaría e Arquitectura, e Verónica Laíño Rodríguez e Julia Escribano Chamarro na rama de Ciencias e Ciencias da Saúde.
Os premios GirlGeekPower enmárcanse na Cátedra de Feminismos 4.0 da Deputación e a Universidade de Vigo e xurdiron para mostrar e recoñecer a excelencia dos currículos académicos das mulleres nas ramas STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemática), nas que elas son a porcentaxe minoritaria do alumnado.
Na cita, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, felicitou ás premiadas “polo voso esforzo e o voso talento”. Agradeceulles ter elixido a UVigo e optado por unha titulación do ámbito STEAM e pediulles que, en adiante, sexan, “faros” para outras mozas que queiran estudar carreiras científicas e tecnolóxicas. Tamén tivo palabras de agradecemento para a Deputación, polo “seu apoio incondicional e porque partillamos unha visión do que debe ser o mundo, onde a igualdade xoga un papel importantísimo”.
Pola súa banda, Sandra Bastos enxalzou a traxectoria das mozas gañadoras asegurando que “sodes un grande exemplo para todas, sobre todo para as nosas xeracións. Tendes demostrado que as vocacións e os soños profesionais non teñen nada que ver co sexo ou xénero e que as mulleres estamos altamente capacitadas para acadar todo o que nos propoñamos”.
Para poder optar aos premios GirlGeekPower era preciso estar matriculadas na Universidade de Vigo e en titulacións de grao ou mestrado das ramas de Enxeñería e Arquitectura, Ciencias e Ciencias da Saúde dos Campus de Pontevedra e Vigo.
A encargada de poñer en cifras esta fenda de xénero foi a directora da Unidade de Igualdade da UVigo. Águeda Gómez. Referiuse ao último informe do Observatorio de Igualdade da institución académica, realizado en 2023 con datos do curso 2021/2022, que demostra non só existe un desequilibrio nas matrículas de mulleres nas carreiras STEAM senón que, das que se deciden por estes estudos, son aínda menos as que continúan a carreira investigadora. “Mentres as mozas son maioría nas teses de ámbitos como ciencias da saúde ou ciencias sociais, nas carreiras STEAM representan apenas o 20% ou 30% do alumnado”. Este informe recolle tamén que a presenza feminina na actividade investigadora da UVigo descendeu tres puntos con respecto ao curso anterior e revela tamén que, aínda que nos últimos anos a porcentaxe de mulleres axudantes de investigación da UVigo se sitúa arredor do 50% do total, que é un bo dato, moitas delas abandonan e só 3 de cada 10 alcanzan a cátedra, cumio da carreira académica”.
A primeira en recoller o seu galardón foi Antía Álvarez, estudante do Mestrado en Enxeñaría Biomédica, que recibiu o premio extraordinario no eido da enxeñaría e arquitectura. Na súa intervención agradeceu un galardón “que representa non só un recoñecemento á traxectoria académica, senón tamén un baluarte do compromiso” da UVigo e da Deputación “coa igualdade e a visibilización do papel crucial que desenvolvemos as mulleres no campo da tecnoloxía e da ciencia”.
A outra premiada nesta categoría, Iria Ollero, tamén estudante do Mestrado en Enxeñaría Biomédica que xa recibida este mesmo galardón en 2021 como alumna de grao. Lembrou que a súa paixón pola ciencia e a tecnoloxía comezou aos 14 anos, cando participou nas Aulas Tecnópole do Parque Tecnolóxico de Galicia en Ourense. “Tiña como obxectivo espertar vocacións científico-tecnolóxicas entre a xente nova e penso que comigo o conseguiron”.
O primeiro premio na rama de ciencias e ciencias da saúde foi para Verónica Laíño, estudante de Enxeñería Química Industrial coa especialidade de Biotecnoloxía e Medioambiente. Ademais de felicitar a todas as galardoadas, quixo estender os seus parabéns a “todas aquelas persoas que loitan día a día por converterse no que queren ser”. Igual que o resto das súas compañeiras, tivo palabras de agradecemento para familiares e amigos “porque me considero unha persoa moi afortunada por estar rodeada de xente que sempre me animou a continuar polo meu propio camiño e que valorou o meu esforzo”.
Por último, Julia Escribano, alumna do Máster en Bioloxía Mariña, fíxose co accésit na rama de ciencias e ciencias da saúde e, nunha mensaxe gravada, agradeceu o premio e recordou que “con esforzo e dedicación pódese conseguir todo, un exemplo son eu, que procedendo dun lugar de interior en Navarra, estou agora mesmo nas costas galegas estudando bioloxía mariña, a miña paixón dende sempre”.

PUBLICIDADE