A Factoría de Innovación de Galicia achegará excelencia en I+D para as nosas empresas

martes, 13 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

O Consorcio da Zona Franca de Vigo, conxuntamente coa Escola de Organización Industrial (EOI) e a Universidade de Vigo, vén de acordar a posta en marcha da primeira Factoría de Innovación de Galicia. Este centro de I+D, impulsado co obxectivo de favorecer a competitividade nas empresas e máis a comunicación e colaboración universidade-investigadores-sector privado, funcionará como un centro de excelencia xerador de plans de adestramento individualizados para contribuír ao medre e bo funcionamento das nosas empresas, amais da súa participación en proxectos innovadores.
A Factoría da Innovación segue o ronsel doutras experiencias semellantes postas en marcha a nivel internacional e estatal, onde se teñen consolidado como espazos de alto rendemento en creatividade aplicada á innovación. Na sinatura do convenio entre os devanditos impulsores da iniciativa, interveu María Teresa Pisano, delegada do Estado, quen sinalou que o Consorcio está convencido de que é preciso reinventar a xestión empresarial para asegurar a supervivencia das pequenas e medianas empresas, “e aínda que en Vigo pódense percibir de xeito constante mostras da gran capacidade de creatividade que teñen empresas e investigadores para desenvolver novos produtos e servizos, iniciativas como esta son precisas para acadar o éxito empresarial”, dixo.
No acto tamén falou Alfonso González, director da Escola de Organización Industrial, quen fixo fincapé no importante apoio que pode significar a Factoría en relación ao noso tecido económico e empresarial, apoiando a calquera iniciativa de mercado a través de múltiples eidos de actividade: innovación, planificación, asesoramento, colaboración, adestramento, etc.
A Factoría terá a súa sede física no Porto do Molle e contará cun orzamento de 300.000 euros. Este espazo de interacción comezará a materializar a súa actividade cunha primeira fase na que dúas ducias de empresas seleccionadas da contorna de Vigo terán a oportunidade de propoñer os seus problemas e necesidades para mellorar a súa competitividade. A EOI contribuirá na execución deste centro mediante o deseño de actividades, a súa dirección e a execución. O Consorcio, amais de achegar o espazo físico para o emprazamento da Factoría, realizará a escolma das dúas ducias de empresas devanditas, xunto coa EOI, cousa no que tamén colaborará a Universidade de Vigo.

PUBLICIDADE