A Internet das Cousas, eixe temático do novo faladoiro dixital do CPEIG

martes, 27 de setembro do 2016 Redacción

Seguen adiante os novos faladoiros dixitais destinados a pór de relevo a importancia de formarnos tecnoloxicamente para acceder as novos e puxantes mercados laborais. Falamos do programa de actividades 1 mes, 1 profesión dixital, que vai pola súa segunda edición e que ten un dos seus principais alicerces na web profesionsdixitais.org. Segundo informan o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), o novo faladoiro desenvolverase o vindeiro 28. Contarase, como dixemos onte dende Código Cero, coa colaboración do Centro Tecnolóxico Gradiant.
A xornada abordará a Internet das cousas (IoT nas súas siglas en inglés) coa participación de expertos na materia e desenvolverase na sede de Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, no Edificio CITEXVI, local 14, sito no Campus Universitario de Vigo. Francisco Javier Rodríguez Martínez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo no Campus de Ourense e membro da xunta de goberno do CPEIG, será o encargado da benvida institucional. A continuación intervirá Juan Manuel Corchado, director do primeiro master sobre IoT e catedrático da Universidade de Salamanca. Despois dun breve descanso, falará José Antonio Losas, CTO de Conexiona. O último relator en intervir no faladoiro dixital será o xefe de Servizos de Feiraco, o enxeñeiro agrónomo Rafael García Gabeiras. Unha mesa redonda pechará a xornada coa participación dos relatores e do público.
As persoas interesadas en acudir ao faladoiro dixital sobre Internet das cousas poden inscribirse xa de balde no enderezo eventos@cpeig.gal e tamén través da web profesionsdixitais.org, onde atoparán máis información do programa e dos relatores.
1 mes, 1 profesión dixital
A campaña 1 mes, 1 profesión dixital desenvolve a segunda edición durante o presente ano, abordando as oportunidades profesionais e boas prácticas. O obxectivo xeral é crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara ao emprego. A iniciativa é froito do acordo de colaboración asinado entre o CPEIG e a AMTEGA.

PUBLICIDADE