A RAG e a Fundación Barrié lanzan o Portal das Palabras

xoves, 13 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

A Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié están a presentar estes días un proxecto didáctico conxunto para favorecer o coñecemento da nosa cultura a través dunha casa-web con diferentes estancias que visitar e nas que vivir: vídeos, xogos, explicacións ou recursos formativos. Falamos do Portal das Palabras, un acubillo de coñecemento que tira proveito de múltiples envoltorios para afianzar nas nosas xeracións un contido único en todo o senso do termo: a riqueza do noso léxico. A web inclúe como dixemos vídeos con explicacións sobre os significados das nosas palabras, artigos feitos polos membros da RAG nos que detallan os termos que máis lles gustan e unha versión avanzada do dicionario en liña da RAG (con procuras máis exhaustivas e específicas, sinónimos e versións deste recurso para teléfonos móbiles con sistemas iOS ou Android).

O dicionario da RAG tamén estrea aplicación móbil oficial para Android (a versión para iOS está pendente de aprobación para a súa publicación na App Store)

Segundo explica a RAG, a iniciativa vai dirixida a “moitos tipos de persoas, dende rapaces en idades escolar a persoas maiores que teñan interese polo noso idioma e o seu léxico; tamén cremos que pode ser útil para axente que desexe achegarse ao galego aínda que sexa de xeito inicial”. A institución tamén salienta que o Portal das Palabras ten unha navegación dupla: por unha banda, desde a portada accédese directamente aos novos contidos publicados e navegando por eles, poderemos continuar descubrindo moitos máis; e pola outra, mediante os botóns superiores de seccións vaise a cada zona da web, onde veremos explicacións de cada apartado así como as súas utilidades, podendo así acceder á totalidade dos contidos que se leven publicados. A responsabilidade dos contidos do portal corre a cargo do Seminario de Lexicografía da RAG (que cada semana achegará novos termos e explicacións, vídeos, curiosidades ou novas), sendo responsabilidade de educaBarrié o aproveitamento educativo de aqueles, entre outras cousas. Asemade, a folla de ruta é a de publicar tódolos días unha nova palabra da que se fornecerá cumprida información sobre o seu significado, etimoloxía e outras referencias.

PUBLICIDADE